InicioECONOMÍAA Coruña recibe o maior cargamento de millo de Ucraína desde que...

A Coruña recibe o maior cargamento de millo de Ucraína desde que comezou a guerra

Publicada o

Por editor
A Coruña recibe este luns o maior cargamento de millo ucraíno desde o inicio da invasión rusa coa chegada ao porto do mercante Tramp Lady, un buque que leva nas súas adegas máis de 65.000 toneladas de millo, que será descargado no peirao do Centenario.
O Tramp Lady recala na Coruña procedente do terceiro porto máis importante de Ucraína, Chornomorsk, situado a uns 30 quilómetros da cidade de Odesa. Tras atracar no peirao, o buque comezará a baleirar a mercadoría, traballos que se prolongarán durante varios días debido ao elevado número de toneladas que almacena no seu interior. O gran ucraíno destinarase á elaboración de pensos para animais de abasto de Galicia, principalmente.
Galicia pechou o exercicio 2022 cun total de 310.010 toneladas de millo procedente de Ucraína descargados en Galicia (sobre todo no porto da Coruña), o que supón pouco máis dun terzo do consumo anual de cereais para a elaboración de penso en Galicia, que supera o millón de toneladas.
A maior parte destas partidas, no entanto, recibíronse nos dous primeiros meses do ano, antes da invasión rusa que desencadeou a guerra en Ucraína, cando chegaban a Galicia procedentes dese país unhas 200.000 toneladas de millo, con fretes medios de 45.000 toneladas por barco.
Así, tras o estalido do conflito, o 24 de febreiro de 2022, houbo que esperar ao mes de xuño para recibir o primeiro envío de millo a través dunha nova ruta marítima aberta polo mar Báltico para sortear o bloqueo ruso. O 10 de xuño atracaba no porto coruñés o buque Alppilia cun cargamento de 18.000 toneladas de millo ucraíno.
MÁIS DE 100.000 TONELADAS
E é que desde o inicio da guerra, Galicia recibiu unicamente 109.900 toneladas de cereal ucraíno no medio de importantes problemas loxísticos que obrigaron a buscar rutas alternativas ante o bloqueo ao que a Armada rusa someteu o Mar Negro ata que, grazas á mediación de Turquía e a ONU, foi posible alcanzar un acordo que permitise a exportación de gran desde o porto de Odesa. En agosto de 2022, o porto de Chornomorsk uníase á operación do corredor de cereais.
A continuidade desta ruta, no entanto, periga debido á ameaza rusa de non prorrogar o acordo que permite a Ucraína exportar os seus cereais utilizando un corredor seguro a través do Mar Negro.
A interrupción deste acordo obrigaría a Ucraína a renovar as exportacións de cereal desde portos do Mar Báltico aos que o gran tería que ser trasladado por estrada cruzando o país en guerra primeiro e Polonia despois.

ÚLTIMAS

Os 10 Samaweens que fan barrio na Coruña: Comezamos por Monte Alto

Ao longo da semana imos completar a axenda que se nos vén enriba esta...

O Samaín volve descubrir o Ollo de Vidro de Castelao polo Día de Defuntos

Por cuarto ano consecutivo, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, a través da...

Feijóo volve a Galicia esta fin de semana para mitinear na Coruña

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, volverá a Galicia por segundo fin de...

A Asoc. Galega de Software Libre lanza un concurso para mellorar a xestión das instalacións deportivas municipais galegas

En moitos concellos galegos, especialmente nos máis pequenos, a reserva de instalacións deportivas aínda...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here