InicioPOLÍTICAArquivada a causa da Pokémon que investigou se houbo "enchufes" en Vendex...

Arquivada a causa da Pokémon que investigou se houbo “enchufes” en Vendex de cargos municipais

Publicada o

Por europapress

O xulgado de instrución número 7 da Coruña decretou o sobresemento provisional e arquivo da peza separada da macrocausa denominada ‘Operación Pokémon’ na que se investigou se houbo “enchufes” vinculados a cargos municipais da Coruña e á empresa Vendex, adxudicataria de contratos locais.

Concretamente, trátase da peza 26 das 33 nas que se dividiu a macrocausa. Nela, remitíronse varios informes, as declaracións de 11 persoas investigadas, entre elas cargos políticos como Julio Flores (PP), e dúas declaracións testificais.

No auto de inhibición, sinala o presente auto, recóllese “unha descrición moi xenérica do obxecto do procedemento e tampouco recolle de maneira minimamente individualizada a concreta imputación que se dirixía contra cada un dos investigados”.

Para “coñecer os feitos” polos que se segue o procedemento, o xulgado de instrución coruñés remitiuse ás dilixencias previas 335/2014 e ao auto de 20 de xaneiro de 2020, no que “se identificou ao Grupo Vendex como unha axencia de colocación de emprego que contrataba nas súas empresas a distintas persoas que eran recomendadas ou ‘enchufadas’ por distintas autoridades e funcionarios do Concello da Coruña, con capacidade decisoria nos concursos aos que se presentaba”.

SUPOSTOS ENCHUFES

Nel, sinala o presente auto, indicábase que os diferentes informes constatan que “esas recomendacións se producían cando estaban en fase de concurso os servizos públicos que eran licitados polo Concello, en especial, se eran de nova creación”, pero apunta nunha paréntese que “esta afirmación non quedou constatada ao non figurar nos testemuños remitidos os diferentes expedientes deses concursos nos que figuraba ou participaba o grupo Vendex”.

A instrutora da causa, a xuíza Pilar de Lara, tamén sinalaba que “algúns cargos ou empregados públicos (…) trataban de seducir a José María Tutor con algún trato de favor á hora de adxudicar o devandito concurso ou outro futuro se lles enchufaba a algunha persoa da súa contorna”. Feitos que se concentraban entre 2011 e 2012.

Tras o relato dos feitos, o xulgado de instrución coruñés conclúe que “se segue constatando que non están debidamente concretados e, especialmente, a participación concreta dos posibles autores, xa que se sinala de maneira xenérica a autoridades e funcionarios do Concello da Coruña”, especialmente, engade, a Julio Flores, José María Tutor (Vendex) e Maribel Carrasco, “sen ningunha referencia aos demais”.

Neste sentido, engade que se menciona a outros membros da corporación municipal deses anos “que non consta que despois se seguise o procedemento respecto deles”. Non en balde, tamén fora salpicado por este caso o socialista José Nogueira.

“NON SE ESCLARECEU DEBIDAMENTE”

Sobre esta base, a instrutora “comparte” co Ministerio Fiscal que toda a instrución practicada “non esclareceu debidamente o feitos obxecto deste procedemento”, declaracións, informes, intervencións telefónicas, entradas e rexistros.

O PSDEG MANIFESTA A SÚA “SATISFACCIÓN”

Unha vez coñecida a noticia, en declaracións a Europa Press, o secretario de Organización do PSdeG e tamén edil na Coruña, José Manuel Lage, trasladou a satisfacción dos socialistas galegos por esta decisión xudicial que arquiva “un asunto que causou moita dor” no que define como unha “situación inxusta que se prolongou de forma indefinida facendo dano a persoas honorables”.

O dirixente socialista considerou que con este novo auto “queda demostrado unha vez máis que a forma de actuar” da xuíza foi “arbitraria”. En concreto, a instrutora da macrocausa coñecida como ‘Operación Pokémon’ foi Pilar de Lara, maxistrada que foi sancionada e apartada do xogado de instrución número uno de Lugo por dilacións indebidas.

Así as cousas, José Manuel Lage manifestou a “satisfacción” do PSdeG polo “compañeiro José Nogueira”, así como polos funcionarios do Concello da Coruña que “tiveron que sufrir durante moito tempo este sen vivir” por “unha actuación que queda unha vez máis demostrado que é arbitraria e que non tiña base”.

O responsable de Organización do PSdeG lamenta que a xustiza sexa “menos” xusta cando “tarda tanto tempo en resolver unha causa” e pide que o vivido sirva para que non se volva a repetir unha situación deste tipo, na que “moitas persoas sufriron unha ‘mala praxe’ por parte dunha xuíza”.

ÚLTIMAS

Paixón telúrica na Gran Noite Coruñenta polos 30 anos do Bravú

“Poderosa” e “telúrica”. Así foi a Gran Noite Coruñenta este pasado venres no Teatro...

A Coruña levou a peor parte da borrasca Bert: caída de árbores e mobiliario afectado

A borrasca Bert deixou en Galicia durante as últimas horas un total de 874 incidencias...

A Coruña, segundo concello do Estado que máis aumenta a renda entre 2019 e 2020

A Coruña, Santiago e Lugo están entre os 10 municipios de máis de 50.000 habitantes...

Tres acusados de asasinato, un por cómplice e a moza, absolta, no xuízo de Samuel Luiz

O xurado do xuízo pola malleira mortal a Samuel Luiz declarou culpable de asasinato a...