Decenas de vehículos percorreron en caravana as cidades da Coruña, Lugo e Ourense para demandar da Consellaría de Política Social solucións pola problemática que se vive nas residencias polo ingreso de usuarios con diferentes patoloxías, algo que interfere nas necesidades das persoas maiores ingresadas. Os traballadores sae á rúa ante o “ninguneo” da Xunta nas negociacións.
Tal e como explicou o presidente do comité intercentros, Manuel Gallardo Canitrot, a pesar de analizarse a situación derivada do ingreso dunha nova tipoloxía de usuarios con Política Social, nunha reunión celebrada a mediados do mes de maio, a consellaría “non deu aínda resposta” a esta problemática. “Nesta reunión insistimos na situación que se está producindo nos centros, porque se trata de usuarios máis novos e con diversas patoloxías psiquiátricas, alcohólicos, de dependencia ou de arraigamento social”, afirman.
Gallardo Canitrot explica que os centros “non están preparados” estruturalmente para albergar a esta nova tipoloxía de usuarios, polos conflitos que xeran, coas necesidades de tranquilidade e seguridade dos actuais usuarios maiores nas residencias.
Remarca, ademais, que “os profesionais non teñen os medios necesarios para unha boa atención, nin moito menos persoal suficiente para cubrir as necesidades, urxencias ou crises que poidan xurdir neste tipo de usuarios”.
O comité apunta que isto se suma a unhas condicións laborais “precarias”, xa que o persoal destes centros de atención directa as 24 horas “non teñen ningún tipo de compensación por traballar os sábados, domingos e festivos desde o ano 2012”.
Na reunión con Política Social tamén se trasladou a demanda de dotar aos centros de máis persoal, “dimensionando os persoais á realidade actual”, xa que o cociente de persoal/usuario “é do ano 2006, cando a denominación era diferente e existían centros de atención a persoas ‘válidas'”.