InicioMOV. SOCIAISO colectivo LGTBIQ+ reclama o apoio das marcas máis alá do mes...

O colectivo LGTBIQ+ reclama o apoio das marcas máis alá do mes de xuño

Publicada o

Por Miguel Gómez Longo

● As asociacións piden ás empresas que se lles teña en conta á hora de trazar os plans de responsabilidade social corporativa.

—- —- —-

Dende inicios de xullo, as redes sociais tínguense das cores do arco da vella. Esta é unha das múltiples accións coas que o colectivo LGTBIQ+ quere lembrar á sociedade que a loita que libran aínda non se terminou, que aínda queda moito por facer.

E é que o Mes do Orgullo non é unha festa, senón unha vella reivindicación que comezou cunha protesta, o 28 de xuño de 1969, en Nova York, cando a comunidade, farta dos malos tratos, respondeu a unha redada policial que tivo lugar no Stonewall Inn, un bar localizado en Manhattan, que servía como búnker ao colectivo.

Unha acción á que, por márketing ou convicción, cada ano súmanse empresas de todo o planeta. Algunhas, adaptaron os seus logos coas cores da bandeira, e outras sacaron ao mercado produtos que fan unha chiscadela ao movemento LGTBIQ+.

Sonia Valbuena, directora do Comité Antisida da Coruña, fai fincapé no lado positivo de que, “a día de hoxe”, as marcas apoien ao movemento. “Somos conscientes de que as campañas de márketing fanse para vender, pero o colectivo LGTBIQ+ ten que estar presente en todos os ámbitos da vida. Só entón as siglas, que indican a orientación sexual das persoas, deixarán de ter sentido”, salienta.

Con todo, para a presidenta de Alas A Coruña, Ana G. Fernández, aínda queda demasiado camiño por percorrer e resalta que, este tipo de iniciativas, “non serven para nada” se non veñen acompañadas de “propostas” que afiancen os dereitos e necesidades da comunidade. “Xa sabemos que o 1 de xuño os perfís das entidades van cambiar, pero dentro das empresas non existe ningún plan de diversidade que se implante durante o resto do ano”, destaca.

“Os nosos dereitos non son un negocio e as nosas vidas non poden verse como un obxecto de consumo. Está moi ben que todos os anos as marcas saquen unha colección cápsula para que a xente luza as cores do Orgullo pero, cal é a súa responsabilidade social corporativa o resto do ano?”, pregunta Fernández.

As empresas deben “comprometerse ao longo dos anos”

Unha cuestión, a da responsabilidade social corporativa, na que tamén quere pararse Julián Abad, director creativo de Wise e presidente de Creatividade Galega. “Sempre poño o exemplo da marca de roupa Patagonia. Esta empresa ten moi claros os valores que defende. Aposta polo coidado do planeta e por iso escolle materiais reciclados, reciclables e de gran durabilidade. Ese é o seu verdadeiro ADN”, explica.

Pero entón, onde reside o problema para o resto de entidades? Abad teno claro: “as marcas fan as súas accións para subirse ao carro, ao que está de moda”, resalta. “Se a empresa non se compromete ao longo dos anos, a mensaxe dilúese e pode perder clientes. A xente non é parva”, sentenza.

Unha observación que comparte a vicepresidenta de Markea, Lucía González Martínez. “Non existe unha receita máxica, pero queda claro que as empresas deben traballar a responsabilidade social corporativa durante os 365 días do ano, tendo en conta aos departamentos de recursos humanos para que cada acción se axuste a súa liña comunicativa”, defende.

Un compromiso que para a presidenta de Alas, Ana G. Fernández, tamén pasaría por “dar traballo ás persoas do colectivo, fartas de non encaixar no canon pola discriminación que existe”.

Dito parecer tamén o avala a Unión Xeral de Traballadores (UXT), que en 2020 realizou un estudo sobre a inserción laboral do colectivo LGTBIQ+ en España, no que Galicia se situaba como a terceira comunidade autónoma na que se advertiran máis situacións de discriminación laboral por motivos de orientación sexual.

A análise puña sobre a mesa uns datos arrepiantes: o 96% dos galegos enquisados creron “inconveniente” revelar a súa orientación sexual, mentres que un 91% ocultáraa.

Ademais, seis de cada dez traballadores tiña recoñecido sufrir algún tipo de agresión. Uns datos que casan á perfección cos expostos polo Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia. En 2022, este organismo sinalaba que 21 persoas acudiran a eles para pedir asesoramento laboral e que 4 delas sufriran insultos no seu posto de traballo.

 

  • Miguel Gómez Longo (@gomezlongo4) Graduado en Xornalismo; Mestrado en Protocolo e Organización de Eventos; Mestrado en Comunicación Deportiva.

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here