InicioBARRIOS"Onde hai música, onde hai cariño, onde hai amizade, aí esta Mangüi"

“Onde hai música, onde hai cariño, onde hai amizade, aí esta Mangüi”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Fermosa e emotivísima homenaxe a Mangüi a celebrada este pasado domingo en María Pita que serviu ademais de inmellorable peche a un mes de festas. O carismático ex baixista dos Diplomáticos de Monte Alto foi lembrando por grandes referencias da música da cidade.

Xurxo Souto no escenario da festa a Mangüi
Xurxo Souto no escenario da festa a Mangüi

María Pita converteuse nunha pequena Agra do Orzán lembrando temas da mítica banda fundadora do bravú e ondeando o lema da sesión “Sempre en nós”. O propio Xurxo Souto comparte con nós esta crónica:

Non queríamos unha homenaxe. Dixemos que queriamos armar para Mangüi unha gran celebración, e abofé que, entre todas, o conseguimos. Noite revolucionaria: no nome de Mangüi, o talento dos barrios ocupou, por fin, a gran praza da cidade.
Alí estabamos, enriba e abaixo do escenario, nós. Esas familias obreiras que viñeron das aldeas para traballar na beira do mar. Deses barrios saíu o talento que ía mudar a música galega: Unha rapaza dos Castros: Mercedes Peón; Bieito Romero (co seu fillo, Bieito) da Agra do Orzán; de Labañou, Paco Lodeiro; e unha boa representación de Monte-Alto, os Diplomáticos.
Tamén unha boa presenza da bohemia coruñenta: Miguelón, José Brea, Carlos de la O, Nacho Jarvanzo Negro… E grandes nomes deste país -Uxía, Antón Reixa, Xosé Manuel Pereiro- unidos cun vencello de amor con Mangüi.

Emoción a eito, si. Mais tamén un espectáculo musical en clave de excelencia: No escenario unha auténtica selección galega de talento. Ou o que o mesmo, mais compañeiras e compañeiros de Mangüi: “A orquestra bravú”, dirixida por outro da Agra do Orzán, Richi Casás.
Como comentamos dende o palco, é moi difícil expresar con palabras a ausencia dun amigo. Mais onte foi moi fácil: onde hai música, onde hai cariño, onde hai amizade, aí esta Mangüi.
Por iso a celebración de María Pita, non principiou en María Pita. Comezou dúas horas antes, na Agra do Orzán. O seu irmán David colleu o seu baixo e dende A Reserva -bar tan querido para Mangüi- saímos, camiñando. Un grupo cada vez máis grande polas rúas da Coruña, até realizar en María Pita unha auténtica entrada triunfal.
David pousou o baixo no escenario e principiou a celebración. Noite Marabillosa. Mangüi, sempre en nós!

Homenaxe a Mangui 1

Así se viviu o concerto-homenaxe polas redes:

ÚLTIMAS

Detida unha muller en Culleredo como presunta autora dun delito de furto de xoias, por valor de 10.000 euros

A Garda Civil de Culleredo detivo a unha muller como presunta autora dun delito...

Monte Mero contará con 4.397 vivendas e un investimento autonómico de 66 millóns

O barrio coruñés de Monte Mero contará con 4.397 vivendas, das cales 3.521 (un...

Identifican os autores de novas verteduras en Culleredo de material dun taller e un restaurante

A Policía Local de Culleredo identificou aos responsables de tres novas verteduras incontroladas de...

Evacuado en helicóptero ao CHUAC un tripulante enfermo do cruceiro ‘Spirit of Adventure’

Un tripulante do cruceiro 'Spirit of Adventure' tivo que ser evacuado de urxencia ao...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here