InicioARTEIXOSilvia Penide: "É brutal ver que ás veces estás acompañando, formando parte...

Silvia Penide: “É brutal ver que ás veces estás acompañando, formando parte da vida da xente”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro
  • “O último que me conmoveu foi o mes pasado, que despois dun concerto achegouse unha rapaza que acababa de pasar o último ciclo de quimioterapia e a miña música a acompañou durante todo o proceso. E iso é unha pasada. Estás acompañando, formando parte da vida da xente”.
  • “Hai que mollarse. Hai cancións que son auténticas declaracións de intencións e os meus propios proxectos teñen sempre unha finalidade”.
  • “As miñas cancións en xeral son para poñer a bailar a alma, non o corpo”.
  • “Falar galego si que socialmente é un compromiso que hai que adquirir. Encántame ler a Yolanda Castaño ou a Xosér Iglesias e flipar, é unha riqueza”.
  • “Si que notei que nos faltou unidade como gremio na pandemia. Creo que temos que atopar o xeito de ter un orgullo máximo, sentirnos seguros do que facemos, de que somos imprescindibles.”

— — —

Silvia Penide (Arteixo, 1979) despedirá o 2023 co último directo inclusivo da súa xira ‘XX aniversario’. Unha cita que pecha un ciclo vital para o que a cantautora volve ás súas raíces, Arteixo. Penide volverá actuar sobre o escenario do auditorio do Centro Cívico e Cultural arteixán este venres 29 de decembro (20:30h, entradas á venda en eventosarteixo.com), un dos primeiros escenarios nos que descubríu que o que quería na vida era ser artista.

A xira recolle tamén parte do seu último LP “Mientras dura el aplauso”, o primeiro vinilo da artista herculina no que conta coa colaboración de grandes voces do panorama musical galego e estatal, como Mercedes Ferrer, Víctor Manuel, Guadi Galego ou Javier Álvarez para reinterpretar as súas creacións.

En Arteixo está acompañada pola súa banda ao completo (Carla López -teclado e coros-, Paul Álvarez -guitarra- e Bruno Couceiro -batería) así como por unha intérprete de lingua de sinais (Natalia Navaza). Haberá sorpresas sobre o escenario, como Franki, unha das figuras claves no comezo da carreira de Silvia.

Quedamos con ela na súa “coviña”, o Café Doré, nun barrio dos Mallos onde xa leva residindo máis de 20 anos, e que a veu medrar como artista, para termos esta agarimosa conversa:

 

  • 20 anos sobre os escenarios… Pero xa antes, xa te autoeditaches algunha maqueta, non?

Celebramos 20 anos porque eu conto a miña carreira dende que empezamos a vender un número de discos considerables. Gracias ao meu avó Toñedo, que me dixo un día que isto xa era un traballo, que me estaban pagando por facer o que facía. Por iso conto dende 2003, pero xa o meu primeiro concerto fora en 1997, na Igrexa de Meicende (lembro asinar un contrato nunha servilleta), e mesmo gravara unha maqueta en cassette que se chamaba Alicerce. Pero antes xa escribía moito, a miña nai dime que lle cantaba cancións dende que empecei a falar, que inventaba melodías… así que debe ser algo vocacional case relixioso.

 

  • Como foi esa gravación de Alicerce, cóntanos?

Pois sempre digo que a miña profesión ten moito traballo de despacho, pero tamén é certo que foron aparecendo pequenos puntais, e o primeiro foi a gravación desa maqueta.
Eu era monitora nun campamento de verán de Arteixo, e convidáronnos a Radio Arteixo. Fumos e cantamos un himno do campamento que fixera eu, e entón Franki, que era o técnico da emisora municipal, díxome se quería ir gravar as miñas cousas e así o fixemos. Sempre llo digo o importante que foi para min, e por iso vai ser un dos convidados neste concerto, porque que el cante comigo, é como pechar un ciclo, porque pola súa culpa, pola súa bendida culpa, adícome a isto.

 

  • “Canción pop de autor”, adoitan definirche. De nena/adolescente fuches máis de Silvio/Ismael Serrano ou de Mecano/Radio Futura?

Sempre de cantautora. Para min Victor Manuel era o meu gran referente, de feito cando sacaron aquel disco “Mucho más que dos”, por iso coquetei co pop, pero como tampouco son unha virtuosa da guitarra, ogallá o fose, tiro máis pola canción de autor. Pero si que me gustaban eses arranxos de Víctor Manuel, Javier Álvarez, Cristina Rosenvinge, que sempre arriscan moito en cada traballo, nunca son iguais… Pero en canto a letra, compromiso, militancia… sempre me considerei cantautora.

 

  • Compromiso, militancia… verbas fundamentais na túa carreira, nas túas letras, non?

Si, a min sempre me gusta posicionarme. Procuro ter mente elástica, e non son de branco negros, pero si que penso que hai que posicionarse, non en todo, a min a cousas que me quedan grandísimas e non podo posicionarme, pero hai que mollarse. Hai cancións que son auténticas declaracións de intencións e os propios proxectos teñen sempre unha finalidade, un por que.

De feito, ás veces a xente achégase a contarme cousas moi persoais porque pasearon por lugares que non adoitan visitar de si mesmos, e iso é impactante ver como se achegan cunha bágoa no ollo.

 

  • Algún testemuño que che tocase?

Hai moitos. O último que me conmoveu foi o mes pasado, que despois dun concerto achegouse unha rapaza que acababa de pasar o último ciclo de quimioterapia e a miña música a acompañou durante todo o proceso. E iso é unha pasada. Démonos unha aperta enorme, emocionouse, iso é brutal. Estás acompañando, formando parte da vida da xente.

  • Que íntimo!!!

A verdade é que si. Houbo unha periodista que me definiu como “melancolía positiva”, e é verdade que me atopo supercómoda con este término, porque esa intimidade sucede tamén gracias a iso. Porque as miñas cancións en xeral son para poñer a bailar a alma, non o corpo. E creo que moitas veces a xente o agradece porque tamén precisamos chorar, pensar, emocionarnos… precisamos a filosofía, jolín, que a quitan ata da ensinanza.

 

  • Que lembranzas tes daqueles anos 90? Que concertos, que bares… lembras con máis agarimo?

Había un bar que se chamaba Bar de los Ron, con moitos cantautores. un sitio mitiquísimo. Despois en Meicende-Arteixo non había moitos sitios, de feito o primeiro concerto foi na Igrexa.
E tamén en Madrid, porque despois de sacar o traballo Kilómetros, fumos e atopamos El Rincón del Arte Nuevo, para min era a leche cantar nun sitio onde cantaban Sabina, Krahe, Amaral que estaba saíndo… E tiven a sorte de que alguén pediu no programa de M80 “La Gramola” unha canción miña que se chama “Mi cielo”, e o locutor contactou á discográfica que nos levaba, e quixo entrevistarme e tivemos unha repercusión tremenda. Por iso lembro moito El Rincón, que foi o primeiro sitio en Madrid en darme voz e aínda teñen unha foto miña entre tanta xente famosa. Foi unha etapa moi bonita porque estaba a florecer como artista.

 

  • E por onde saías antes, cando eras adolescente?

Ui… Pois lembro sitios como o Tratataplán, o mitiiquísimo Rus… antes xa ía ás discotecas de tarde, a unha de Paiosaco que se chamaba Vértigo, a Sada… Cando a noite se alongaba moitísimo rematábamos nun que se chamaba o Soweto, que era tamén mitiquísimo… A min gustábame o rock en español, sitios que puñan Extremoduro, Platero y tú… Encantábanme eses sitios onde estaba o chan ”pegajoso”… jajajaj

 

  • Que diferencias hai entre o panorama musical coruñés daqueles comezos dos 2000 e o actual?

Unha ebullición brutal, unha calidade brutal. Hai grupos de diferentes estilos que están tocando en festivais de renome… É verdade que sempre houbo, que antes tamén había grupos tremendos.
Noto máis compañerismo, á xente ten gañas de facer cousas en común.
Pero si que notei que nos faltou unidade como gremio na pandemia e os anos seguintes. Para min, 2020 foi unha chamada de atención importante, para a xente que nos dedicamos a isto, decatámonos de que estamos superdesprotexidos. Sigo botando en falta que nos unamos como gremio. Creo que temos que atopar o xeito de ter un orgullo máximo, sentirnos seguros do que facemos, de que somos imprescindibles, por moito que nos dixeran que non, porque a cultura é imprescindible. Non ten por que ser un hobby. Cando me din iso de “os artistas tamén tendes que comer”, sempre respondo, que eu con isto como, pago a hipoteca, plataformas para ver pelis, roupa… todo! Temos quedarlle esa volta para esixir o que nos corresponde.

 

  • Como se pode vertebrar iso?

Hai diferentes mecanismos. Eu agora estou en Músicas ao vivo, que se move moito tamén aquí na Coruña. Durante o confinamento houbo un movemento pequeno que se chamaba “Unímonos ou afundimos”, e fumos falar aos partidos políticos, dando propostas. É verdade que é un monte moi grande e ás veces non notas que desbrozas un anaco, pero ese anaco queda desbrozado, todo suma.
A queixa de café paréceme xenial, pero tamén procuro levala máis aló. E tamén se achega xente nova que me din que me escoitan, e que agora fan cancións porque me escoitaban, e esas cousas cando pasan é unha barbaridade, porque decátaste de que o ti fas está calando na xente, polo menos do teu micromundo, e é unha responsabilidade facer as cousas o mellor posible.

 

  • E que lle quede o camiño máis doado aos demais, supoño. Porque canto tardaches en poder dedicarte exclusivamente á música?

Pois dende 2016, pero antes sempre a media xornada, a outra media era auxiliar de enfermaría e outros traballos. E se teño que baixar a persiana mañá mesmo, fareino feliz, orgullosa de todo o que fixen e que me quiten o cantado.
Hai que dignificar e poñer en valor o noso traballo. Polo IRPF podes demostrar a que te dedicas, e aí non podes atoparte desprotexido, porque nós cos nosos impostos tamén facilitamos que outros ertes fosen posibles.

 

  • Natural de Arteixo e filla adoptiva da Coruña. Con que recunchos quedas de ambos lugares? Que sitios especiais para ti?

De Arteixo, o paseo do río, por onde paseaba co meu avó Toñedo cando xa estaba en silla de rodas. O Centro Cívico, e o seu escenario. Había un bar que se chamaba La Bata de Guata, moi especial para min. E despois o Santuario da Virxe de Pastoriza, vou a respirar alí, non polo sentimento católico, pero lémbrame ao folclore mexicano. Gústame ir alí, que xa ía de adolescente, e me gusta volver, ten moita maxia, maxia da creenza.

E despis na Coriña, o Café Doré, a miña coviña. Tamén o Parque de Santa Margarita, onde se xuntan xeracións diferentes, e teño amigas señoras que van xogar ás cartas, adolescentes que están ensaiando bailes… e despois toda a zona de praia… vólveme tola vivir nunha cidade que ten mar aberto nos Menhires, e despois todo o paseo marítimo dentro da cidade, que é moi magnético. Vivo namorada na Coruña, en Arteixo… esa costa Atlántica que atrapa.

 

  • Non botas de menos vivir nunha cidade grande como Madrid, NYC…?

A verdade que non. Eu vivín varias temporadas en Eslovenia, onde tiña unha moza durante 6 anos. E puiden vivir en Lubliana, Serbia… fun a moitos sitios… A música tamén me vai levando por outros sitios, aínda estiven en Nova Iorque hai pouco e tiven a sorte de tocar no Centro Galego.
Mudaríame ao mellor por traballo, porque xurdira algunha cousa que dixera “hai que estar aí”; ou por amor, porque agora mesmo non resistiría 6 anos a distancia. Pero se non, a miña vida está aquí.

 

  • Que che parece a revolución da música galega contemporánea, ese tradi abandeirado polas Tanxugueiras, pero que ten ás Fillas de Cassandra, Mondra… como grandes baluartes.

Brutal, superorgullosa. As Tanxugueiras son unha debilidade, pois eu xa as coñecía antes de dar o pelotazo, e buf… supercontenta por elas… Non entendería a alguén que non se alegre polo que fan, polo seu éxito, por algo feito de raíz.
E flipando co talento que hai… falas de todas esas, pero tamén temos Caamaño&Ameixeiras… as Uxías… temos unha canteira brutal, que abren portas. Sempre houbo, pois son xente que bebe de Berrrogüeto, A Roda… É algo que tiña que pasar.

 

  • Fai pouco lanzácheste aos libros, con Diferentes Diferenzas [Bululú, 2001], que xa foi premiadao este ano como Mellor Libro Infantil na XIX edición do Premio Literario Frei Martín Sarmiento. Vaia comezo, non?

É o primeiro e chegou por casualidade. Unha desas cousas que pasan na mña carreira que son como sinais. Eu de vez en cando escribía de vez en cando sobre amigos que tiñan particularidades. E ás veces, nos concertos, lía eses textos. E un día estaba un dos editores de Bululú nun concerto, e comentoume que eses textos tiñan potencial… e eu flipando porque non pensaba niso.. e despois ver os debuxos de Emilio Urberuaga… alguén que pintou a Manolito Gafotas que agora esté cos teus textos… é flipante.
E bueno, ver que parece que están calando as mensaxes, porque é un libro que aboga pola integración, pola diversidade… E ves que hai peques que se sinten reflexados, e cando facemos o espectáculo notamos que cala, porque hai peques que necesitan este tipo de agarimo, e de repente se ven reflexados. Houbo unha nena nun dos últimos coles que tiña un peluche, e se achegoume ao final do concerto, e me dixo que “a Fresita lle gustou moito o concerto”, e despois veu unha das profes que a nena ten un espectro de autismo bastante alto e estaba trasmitindo a través do seu peluche.

Aí, no eido infantil tamén hai un nicho. Nós temos tamén o proxecto Feminino Plural, con Carla López, que poñemos en valor as mulleres autoras e imos polos institutos, para rapazada de 13 a 16, que moita xente se esquece que son nenos coas hormonas revolucionadas, e é guai traballar con eles, e decátaste de que teñen moita necesidade de que os escoiten.

 

  • Como é a colaboración aí co alumnado do CEIP Novo Mesoiro da Coruña?

Aí gravamos a canción Diferentes Diferenzas, o tema que dá nome ao disco, tamén coa rapazada do Asociación West Galicia, e fixemos na Biblioteca un estudo de gravación. Estaba superfelices. Foi moi bonita esa mañá.

  • E aí s que te vemos cantando en galego, algo menos habitual nas túas cancións máis persoais…

Teño cousas en galego. Eu cando escribo nunca me paro a pensar en que estou. De feito, Diferentes Diferenzas sae en galego dun xeito moi natural. A verdade que non me consta porque eu son galegofalante de sempre. Na miña familia, unha parte fale castelán e outra galego, e dende pequena falo nas dúas linguas. En Arteixo ou en Lugo, que a miña nai é da zona da Terra Cha, entón para min é normal.

 

  • Pero aquí na Coruña, se cadra é máis complicado manter conversas na nosa lingua?

Supoño que depende no mundo no que te movas. Pero no meu micromundo, hai moita xente coa que me comunico en galego, e que me sería moi raro falar en castelán. Pero o resto da cidade, a verdade non me fixo moito.

Tamén co meu sobriño intento falarlle galego, creo que si é algo que temos que facer entre todos, porque a lingua é algo fundamental para a nosa identidade. Si que hai anos me sorprendía porque cando facía entrevistas, había xente que me dicía “que ben te desenvolves en galego”, e dame moita pena de que a xente o vise como algo excepcional cando para min é o máis normal.
Pero si que socialmente é un compromiso que hai que adquirir. Encántame ler a Yolanda Castaño ou a Xosér Iglesias e flipar, é unha riqueza.

 

  • Bueno, entendemos que esta xira do XX aniversario implica pechar un episodio da túa carreira. Por onde continuará agora?

A miña idea, se todo sae segundo teño na cabeciña, agora descansarei un pouco de escenario, redes sociais… que estás sempre nun escaparate, traballando en despacho, mirando o que tes no almacén, é como un negocio que tes que manter… pero creo que o meu corpo me pide parar un pouco, e poñerme a escribir. É a primeira vez que vou parar un par de meses, pero sempre teño un compromiso comigo mesma que é non vender fume, que non teña que forzar para crear, e agora si que noto que está todo moi botadiño andar, e a miña mente me pide frear.

Teño varias cousas para facer. Intentarei poñerme a transcribir as entrevistas que estou facendo a enfermeiras, que estou intentando sacar un libro para dignificar esa profesión que tamén é miña.

Tamén dedicarei tempo a escribir temas novos, que teño pensado entrar en estudio a final do ano que vén. Estou escribindo sobre a “culpa”, así que se alguén quere contarme cousas, estou aberta a escoitar, tendes o contacto en silviapenide.com.

E seguir xirando, transformaremos a xira do XX aniversario en “Mientras dure el aplauso”, que é o nome do último disco, que ademais igual o sacamos noutro formato, como usb… darémoslle outra vida aos temas o directo e a tocar de novo. O 14 de febreiro farei unha cousa pequeniña, sempre fago un concerto para “Laranxas Enteiras”, para cantarlle ao amor, e este ano será na Coruña, xa direi onde. E despois xa en marzo arrincamos en Madrid e o que vai xurdindo.

 

Máis novas

Silvia Penide celebra 20 anos sobre os escenarios cun novo LP

Silvia Penide cumpre 20 anos sobre os escenarios con novo traballo

 

ÚLTIMAS

A Coruña móllase pola inclusión #Baixoomesmoparaugas

‘Baixo o mesmo paraugas’ é o lema que as entidades sociais do país levan...

Traballadores aproban o acordo coa empresa e desconvocar o paro nas obras de acceso ao porto exterior

As asembleas de traballadores celebradas ata o momento aprobaron maioritariamente o acordo alcanzado nas...

Poñen cifras á discriminación da Logopedia na sanidade pública

Na actualidade, en Galicia só hai 37 logopedas no sistema sanitario público. Unha cifra...

A Coruña acende este xoves as luces de Nadal, con programación durante un mes

A programación do Nadal do Concello da Coruña comezará este xoves, día 5, co acto de aceso...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here