A Xunta concedeu a autorización ambiental para o plan especial de ampliación do centro de hípica de Casas Novas, no municipio de Arteixo, que impulsa como promotor Pontegadea, grupo que xestiona todas as sociedades de carteira propiedade de Amancio Ortega. Segundo figura na resolución ambiental publicada polo Diario Oficial de Galicia (DOG) este mércores, este proxecto busca a ampliación das infraestruturas para desenvolver a cría de cabalos e distintas actividades emerxentes relacionadas coa hípica, tales como a hipoterapia, equitación terapéutica e equitación adaptada.
O recinto de chan rústico conta cunha superficie de máis de 425.000 metros cadrados. Situado na parroquia de Larín, está próximo á autoestrada AG-55, que une A Coruña con Carballo. Está incluído na zona de transición da reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Este centro hípico está activo desde o 2000 (iniciou a súa actividade en substitución dunha explotación gandeira de vacún), ano no que se realizou o primeiro Concurso de Saltos Internacional da Coruña.
Actualmente, dispón de cuadras, zonas de coidado animais, almacéns de esterco, forraxe, silos de pensos, zonas abertas para manter os cabalos, ‘paddocks‘, así como dúas pistas de exhibición e competición. Tamén se realizan clases de equitación, campamentos e clases adaptadas, entre outros. No actual proxecto establécense tres zonas diferenciadas: de uso prioritario deportivo, de uso sanitario-asistencial e de uso prioritario educativo. Aquí, inclúense aparcadoiros e aloxamentos de carácter temporal relacionados cos usos. A elas súmanse tres zonas libres.
INFORMES
Nos informes recolleitos na tramitación, a Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta advirte de que a cualificación de uso dotación múltiple “non se corresponde coa reflectida nos planos do documento”, “debendo efectuar a correspondente armonización”. Pola súa banda, o Instituto de Estudos do Territorio avisa de que o plan especial de infraestruturas e dotacións en Casas Novas “pode provocar incidencias paisaxísticas derivadas da implantación de edificacións en parcelas actualmente en estado natural e con ampla apertura visual cara ás vías de comunicación circundantes”. Para minorar o impacto, establécense unha serie de criterios de ordenación e urbanización que favorecen a integración paisaxística.
Mentres, a Axencia Galega de Infraestruturas informa de que se debe incluír un estudo de tráfico que analice a repercusión sobre a AC-552, estrada que une Arteixo por unha banda coa Coruña e polo outro coa Laracha, de tal forma que se xustifique que “non é necesaria ningunha actuación sobre a rede autonómica de estradas de Galicia”. Na documentación presentada non se recollen afección acústicas. E é que se prevé un incremento de tráfico durante a celebración de eventos deportivos.
Na análise dos efectos ambientais previsibles, recóllese que hai un regato que alimenta as marismas de Barrañán, mentres que se pode “xerar erosión e contaminación por nitratos por mor das pisaduras e dexeccións dos cabalos”, o que “pode evitarse cunha carga gandeira adecuada e unha correcta xestión do esterco xerado”.
O abastecemento actual de auga ao centro hípico resólvese mediante pozos de barrena dispostos en diferentes áreas do complexo. As augas fecais condúcense á rede municipal na AC-552 e as pluviais recóllense separadamente para infiltralas na zona de pasto. Con todo, a autorización, asinada polo director xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Ramón Martínez Boga, conclúe que non se prevén “efectos adversos significativos”, aínda que deben atenderse as condicións marcadas.