O xuízo pola morte de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos que faleceu durante a madrugada do 3 de xullo de 2021 tras ser agredido no paseo marítimo da Coruña, quedou aprazado ata outubro, tras fixarse inicialmente para setembro, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Foi a petición dun dos avogados defensores, que solicitou a suspensión por ter previamente sinalado nesas mesmas datas un xuízo con Tribunal do Xurado en causa con preso en Madrid.
A maxistrada presidenta acordou que o xuízo se celebre entre o 16 de outubro e o 18 de novembro na Audiencia Provincial da Coruña. O 15 de outubro realizarase a selección do xurado popular. En concreto, serán 87 cuestións ás que deberán dar resposta, ás que se suman outras sete sobre o grao de execución do delito e a participación dos cinco acusados. A maxistrada presidenta tamén detallou, nun auto, que o xurado popular decidirá se os feitos descritos constitúen un delito de asasinato, ademais dun posible delito de roubo con violencia pola presunta subtracción do móbil da vítima que se atribuíu na investigación a un dos acusados.
En canto ás circunstancias agravantes, precisa que se determinará se dous dos acusados (D.M.M. e C.S.B.) executaron os feitos relatados “por causa da súa animadversión cara á orientación sexual homosexual que lle atribuíron á vítima”. Como eximentes e/ou atenuantes, a maxistrada presidenta sinala que debe establecerse, a través das probas presentadas na vista, se tres dos procesados, debido á previa inxesta de bebidas alcohólicas ou de drogas, atopábanse en estado de intoxicación, dando lugar “a algunha situación de alteración, diminución ou eliminación da súa capacidade para formar a súa vontade e comprender o alcance dos seus actos”.
PROBAS NON INCLUÍDAS
No auto emitido con anterioridade á nova data do xuízo, a maxistrada decretou que procede admitir as probas propostas polas partes nos seus respectivos escritos de acusación e defensa, fóra dos informes policiais de visionado de imaxes e da chamada infografía forense coa correspondente reportaxe videográfico, tal e como decretou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Ademais, de conformidade co peticionado polas súas defensas, accedeu a que os acusados D.M.M., C.S.B., A.F.G. e K.A.S.C. declaren en último lugar, tras concluír o resto da práctica da proba, e a que o acusado A.M.R. declare ao principio.
TRES PERSOAS EN PRISIÓN
A maxistrada presidenta tamén decidiu manter a medida cautelar de prisión provisional, comunicada e sen fianza, imposta a D.M.M., A.F.G. e a K.A.S.C. Outros dous, entre eles a muller, atópanse en liberdade con obrigación de comparecencias ante o xulgado. Así mesmo, procedeu a ordenar as citacións das partes, peritos e testemuñas e o liberamento dos exhortos, despachos e mandamentos, así como a organización do traslado dos acusados desde o centro penal onde se atopan ingresados para a súa asistencia ao xuízo.