InicioSOCIEDADEOs usuarios de praias da Coruña reclaman prohibir altofalantes, regular acceso de...

Os usuarios de praias da Coruña reclaman prohibir altofalantes, regular acceso de cans e acoutar áreas de xogo

Publicada o

Por europapress

Prohibición de altofalantes e música alta, regulación do acceso de cans ou a limitación de áreas onde se poden practicar xogos son algunhas das suxestións máis repetidas polos veciños da Coruña de cara á nova normativa de uso de praias, cuxo prazo terminou o 15 de xullo. En total, o Concello da Coruña recibiu preto dun cento de achegas e suxestións. A proposta máis repetida foi a relativa á prohibición do uso de altofalantes ou outros aparellos para reproducir música e son na praia, sinalando como obrigatorio o uso de auriculares.

En segundo lugar, a presenza dos cans na praia foi tamén un dos temas máis repetidos. Aínda que a petición maioritaria é a de que se permita o acceso dos cans aos areais en horario nocturno durante a tempada de verán, tamén houbo persoas que reclamaron que se manteña a prohibición total. A convivencia entre quen vai gozar do sol, o paseo e o baño e quen xoga á pelota ou ás pas na praia é outro dos aspectos que preocupa a cidadanía. A maioría das propostas neste sentido avogan por acoutar zonas para xogos que minimicen as molestias ás persoas usuarias.

A prohibición de fumar e a mellora do equipamento dos areais, así como a colocación de sinalización que recolla e reforce as normas de convivencia son tamén algunhas das suxestións recibidas. A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, agradeceu aos veciños e asociacións que enviaron propostas “o seu interese por contribuír a unha ordenanza que ten como obxectivo establecer os criterios que faciliten a compatibilidade entre o gozo das praias e calas municipais coa súa protección natural, a convivencia e a seguridade das persoas usuarias”.

PARQUE INFANTIL DE MESOIRO VELLO

Por outra banda, esta semana, o Concello da Coruña reabriu á cidadanía a área infantil de Mesoiro Vello, onde xa terminaron as obras de ampliación dos espazos de xogo. Anteriormente, este espazo tiña unha superficie de 85 metros cadrados, que practicamente se duplicou tras as melloras efectuadas, aproveitando as parcelas lindeiras e unindo os dous espazos de xogo existentes previamente. Desta forma, a área infantil de Mesoiro Vello pasou a contar con 185 metros cadrados.

ÚLTIMAS

O arquitecto paisaxista coruñés Aritz Sáez Aróstegui gaña un premio internacional

Semana axitada e viva para Aritz Sáez Aróstegui en Barcelona. O arquitecto coruñés (1981),...

Así fan barrio os comercios nos Mallos e Monte Alto polo Samaín

Arrincaron as celebracións do Samaín/Haloween/Samaween nos nosos barrios. Xa son moitos os anos nos...

Os vínculos familiares, protagonistas do Cormorán Film Fest

Xa está en marcha a sétima edición do Cormorán Film Fest, que se celebrará...

Un Cupón da ONCE pola primeira xornalística en galego: “Lamas, unha persoa cega, foi pioneiro do xornalismo”

O 1 de novembro, día en que naceu Valentín Lamas Carvajal, a ONCE dedicará...