Despois da agresión sufrida onte por un enfermeiro e un garda de seguridade privada nas Urxencias do CHUAC, e mentres o enfermeiro permanece estable en planta, a comunidade sanitaria realizaba unha concentración de apoio esta mañá diante do hospital herculino.
Con arengas como “Non se xoga coa nosa saúde”, ”Conselleiro escoita, estamos en loita”, “dignidade para docentes”, “todos somos Ismael” (polo enfermeiro agredido) e detrás de pancartas co lemas como “a precariedade tamén é violencia”, “psiquiatría dignidade” ou “stop agresións”, toda a comunidade sanitaria fixo un parón ás 12:00h para protestar. Enfermeiros, dirección, médicos, membros da administración, de seguridade, limpeza…. quixeron amosar o seu apoio aos dous agredidos, pero tamén esixir máis seguridade na sanidade pública. Tamén intentou aparecer o Xefe Territorial do Sergas, Luís Verdes, pero os facultativos acabaron botándoo “fóra” da concentración.
“Pedimos máis medios en relación a espazos e a profesionais, no ámbito sanitario e no de seguridade”, esixiu a presidenta da Comisión de Centro do Chuac, María Formoso, en declaracións aos medios de comunicación, tras asegurar que “as agresións son frecuentes ao persoal que traballa nos centros sanitarios”
“Isto acaba sendo un episodio dantesco como o que vivimos onte, pero agresións se que se sofren habitualmente, isto non é un feito illado”, denunciou a tamén secretaria comarcal de CIG-Saúde.
Leron un manifesto non que rexeitaron todo tipo de agresións (físicas e verbais) e ataques cara calquera persoal do eido sanitario e sobre todo esixiron ao Sergas medidas efectivas que garanticen a protección e seguridade dos profesionais e persoal sanitario e non sanitario, así como a revisión e aplicación efectiva dos protocolos ante as agresións, con medidas concretas para previr estos incidentes. Piden tamén apoio psicolóxico e legal para os profesionais afectados e mellores condicións e recursos para atender a pacientes con enfermidades psiquiátricas ou alteracións do comportamento.
O Conselleiro lamenta a agresión
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, lamentou “moitísimo” a agresión e asegurou que farán unha “análise estrita do que pasou” para comprobar “se os protocolos cumpríronse”. O conselleiro desvelou que falou “esta mañá” con Ismael, o enfermeiro que continúa ingresado tras recibir tres coiteladas no abdome e un corte na cara. “Probablemente reciba o alta hoxe mesmo”, avanzou.
Asegurou que o “compromiso da Consellería cos profesionais é absoluto”, ao brindar “apoio tanto psicolóxico como legal” aos traballadores que sofren episodios deste tipo. Sobre se fará falta reforzar a seguridade ou algunha outra medida, como separar a pacientes psiquiátricos do resto en urxencias, o conselleiro insistiu en que se fará “unha análise causa-raíz”, desde que o propio paciente “saíu da súa casa” e foi trasladado ao hospital prol o 061, para “ver se os protocolos cumpríronse e se nalgún momento houbo algún erro”. “En función diso, verase se hai algo que modificar ou non”, agregou. “Insisto, hai que investigar o que pasou. Non é lóxico que un paciente entre nun hospital cunha arma branca”, dixo posteriormente, ao responder a outra pregunta.
Máis novas
O enfermeiro apuñalado na Coruña permanece estable e ingresado en planta