A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este mércores, no Centro Sociocultural Ágora, a terceira edición de ‘Cinema por Mulleres’, un ciclo promovido polo consistorio.
Nunha proposta que se prolongará ata o 30 de marzo, poderanse ver un total de 20 longametraxes, dez nacionais e dez internacionais, dirixidos por mulleres.
En total, haberá 13 estreas na cidade de películas feitas nos dous últimos anos. “O cinema é unha das ferramentas divulgadoras máis importantes dos nosos tempos e a loita das mulleres pola igualdade non pode ser allea ao gran altofalante que é a sétima arte”, sinalou a alcaldesa.
Foi nun acto xunto ao concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén participaron no acto Carlota Álvarez e Diego Mais Trelles, directores do ciclo, que comeza na Ágora este mércores cun encontro de profesionais. Ademais, proxectaranse as longametraxes en Cantóns Cinemas.