Axetreo, nervios e moita ilusión. Así comezaban este domingo 27 de abril pola mañán as súas vacións un grupo de preto de 50 nenos e nenas do CEIP Ramón de la Sagra, da Coruña. O seu destino, un cámping do Grove. Ningún deles, nin dos catro profesores que os acompañan sabían que estas vacacións ían ser especiais. Vanse converter, quizais, nas vacacións máis vacacións de todas as vacacións.
Xusto un día despois de aterrar en plena natureza e de gozar das praias e areais do Grove, chegou o colapso, o gran apagamento peninsular. E aí comezou outra aventura. Mentres funcionaban algúns móbiles, ían chegando noticias. Falaban de caos, suposicións, pero ningunha información oficial. As familias das crianzas preocupadas, as familias dos profes sen poder comunicarse. Son momentos de agobios por ver que facer. O equipo de docentes reacciona rápido e decide o máis lóxico. Para que alarmarse ou tomar decisións precipitadas se os nenos e nenas están a pasalo ben. Están felices co contacto coa natureza, gozando coas actividades de auga, praia, kaiaks, bodyboard…
Así que deciden quedar no cámping. Teñen lanternas e, aínda que marchou a luz, teñen tamen cociñas a gas. Cambian o plan inicial da cea. Pasan das pizzas á pasta. E todos e todas contentas.
Antes de que se corten as comunicacións aínda chegan algúns whatssaps dalgunha familia preguntando que vai pasar. “Volvemos tranquilizalos, que onde mellor están é aquí, que temos de todo, que os nenos están xenial, que para que se van a arriscar a vir buscalos se non coñecen o estado das estradas…”, comenta un profesor. Por un monitor de Valladolid tamén se enteran de que a Xunta suspende as clases.
Tras falar con todos os nenos e nenas e tranquilizados, o plan xa está feito. Cea, ducha rápida coa auga quente que aínda se conservaba, e pequena velada con concurso de cancións. Todo está preparado, e lanternas e focos iluminan a escena. E chega o momento de ir durmir. O momento de máis emoción… e medo, para algúns dos rapaces.

PIXAMAS, PANTASMAS E LANTERNAS-ESPADA
“Eu paseino mellor cando marchou a luz porque parecía un conto de medo”, conta Clara. “A min tamén me gustou pero o problema foi que eu quería ler e non tiña luz”, apunta Valeria. Tamén houbo anécdotas curiosas. Lucía e Adela puxeron o pixama do revés. Tampouco pasou nada porque case ninguén se decatou. E Adela tamén puntualiza que puxeron as candeas enriba dos armarios para ter máis luz nas estancias. Unha boa idea, por certo.
Ao final, iso de non ter luz foi tamén “a aventura máis aventura de todas as aventuras“. E todos gozaron do momento. Que mellor ocasión para ver as estrelas sen contaminación lumínica. Manuela estaba encantada de ollar o ceo tan fermoso. E tamén de ver, xunto con outros dos seus compañeiros como había pequenas luces no horizonte. “Volveu a luz?”, preguntaban… Non, falsa alarma. Eran as luces dalgún barquiño ou dalgún xerador eléctrico que había nas casas.
As lanternas e focos tamén foron fundamentais. Os nenos pasárono pipa. “A min non me agobiou nada, gustoume estar coas lanternas”, di Luisa. Tamén Roi suliña que “non foi para tanto” porque tiñan esa luz artificial. As lanternas, ao final eran as súas espadas de luz coas que facer fronte aos medos e temores, se é que houbo algún. Algún moi, moi pequeniño, pero que marchou rápido, como o de Jean Paul que estaba atento coa súa espada-lanterna por se aparecía unha pantasma.
DEIXANDO AS PREOCUPACIÓNS
Eles non tiñan preocupacións. A preocupación, se existía era dos maiores. “A nosa única preocupación era que os nenos o pasaran ben”, di unha das monitoras do Camping Fieitás. Outro compañeiro destaca a labor do equipo de profesores, moi profesionais. Case todos están alleos ao mundo exterior Algún dos monitores escoita a radio a través do coche que é, ademais, onde se pode cargar o móbil, aínda que a liña e a rede son case inexistente. E mentres, o mundo segue ás escuras, pero tanto ten, porque as crianzas durmen tranquilas… E iso é o importante.
Ás 07:45 horas comeza o baile de sons telefónicas… Pi, pi, pi, pi… Centos de mensaxes inundan os móbiles que aínda teñen carga. Algo pasa. Algo bo. Galicia amence con electricidade, ou case toda. No Grove chega a partir das 8:15 horas. O profesorado respira tranquilo. Volta á “normalidade”.
Finalmente, o que ía ser unhas vacacións máis convertéronse nas vacacións do apagamento. Vacacións históricas nas que a rapazada soubo adaptarse, gozar da natureza e da escuridade. Ao final, o máis importante foi saber pasalo ben xuntos, en sociedade, desconectados da “mobilitis”, do balbordo do mundo dos maiores e centrados en disfrutar do valor dunha noite sen luces artificiais, da natureza en estado puro… Esas vacacións non teñen prezo. Serán as súas “vacacións máis vacacións de todas as vacacións”.
