Dabamos conta o pasado mércores de que a familia do ditador Franco abriría a Casa Cornide para visitas a partir do 4 de agosto. Unha apertura que chega 7 meses despois de que o Consello da Xunta aprobase a declaración como BIC o 27 de abril de 2023, o que teoricamente xa os obrigaba a ofrecer visitas dende a súa publicación no DOG (24-5-2021).
Nós xa probamos o primeiro día e comprobamos o complicado que era conseguir unha cita, pois as de agosto practicamente estaba copadas e a partir de setembro xa non aceptaban reservas. O caso é que lei obriga a abrir ao público os BIC “catro días ao mes, como mínimo, durante catro horas ao día”, e os Franco acóllense a ese mínimo e sinalan como día de visitas os luns, con cinco persoas cada hora. “Consideramos que para facilitar as visitas deberían incluirse tamén, como mínimo, os sábados e domingos, con grupos de 15 persoas en cada visita dunha hora”, piden dende a plataforma Defensa do Común, a pesar de considerar esa apertura como unha boa noticia.
Con todo, a entidade veciñal non vai parar con esta apertura, senón que vai continuar ata “botar aos Franco da cidade”. Así, convocan unha nova concentración para este luns 4 de agosto de 2025, ás 11:30h, lembrando que “os Franco foron declarados persoas non gratas por acordo do Pleno municipal da Coruña de 11 de setembro de 2017”.
Nesa concentración reivindicarán que o concello da Coruña acelere o proceso de denuncia no xulgado para recuperar a propiedade. “Exiximos que os Franco devolvan todo o roubado (xa conseguimos a recuperación para o patrimonio público do Pazo de Meirás por sentencia xudicial, así como as estatuas de Ezequiel e Xeremias do Portico da Gloria)”, sinala a plataforma nun comunicado, ao tempo que piden eliminar nomes do rueiro como Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano, que “aínda conservan en A Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións que non pode admitir unha sociedade democrática”.
A Coruña sae a rúa para esixirlle aos Franco a devolución ao patrimonio galego da Casa Cornide