Máis de 50.000 persoas pasaron polas exposicións do Salón do Cómic ‘Viñetas desde o Atlántico’, informa o consistorio sobre o evento promovido no verán. Foi, remarca, “nunha exitosa edición marcada pola internacionalización, máis apoio á Banda Deseñada de Galicia, unha maior calidade de contidos e deseño expositivo das mostras e, sobre todo, polo fortalecemento deste festival no tecido cultural galego”.
Ao peche da edición celebrada este ano, o goberno local confirma que foron máis de 50.000 as persoas que pasaron polo sete sedes das súas diversas exposicións. A elas, sumáronse as 80.000 que encheron a Rúa da BD durante a semana da mostra.
“As cifras de asistencia finais dan boa conta de que o modelo de Viñetas impulsado polo goberno de Inés Rei é o idóneo e permítenos conseguir unha maior repercusión internacional”, indica o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.