A asociación cultural O Mural vén de denunciar ante o Concello da Coruña e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que unha das portaventás do entresollado do edificio de Olmos no que se atopan os murais de Lugrís leva varios días aberta. Uns frescos que constitúen o único conxunto muralístico dos que pintou Urbano Lugrís que se mantén íntegro no lugar orixinario e atópase en grave perigo polo estado de abandono e ruína do inmoble que os custodia.
“A fiestra que agora está aberta sen que ninguén faga nada só é unha mostra máis do abandono deste conxunto único do noso patrimonio. Esta situación acrecenta os riscos de deterioro dos frescos derivados do estado ruínoso do inmoble e da inactividade do Concello da Coruña e a Consellería de Cultura da Xunta” critican.
Lembran que o 4 de xuño, ambas as institucións comprometéronse a «conservar os frescos no seu emprazamento e abrilos á cidadanía como o ben cultural de primeiro orde que son». Nesa data as dúas administracións xuntáronse para anunciar que iniciaban unha colaboración para crear un espazo xestionado polo Concello no que «poñer en valor o legado de Urbano Lugrís».
A anterior denuncia do Mural, no mes de agosto, fixo que o conselleiro de Cultura anunciase unha nova xuntanza das administración «nos vindeiros días» que, até o momento aínda non celebraron.
“Concello e Xunta deixaron pasar os meses tradicionalmente con menos choivas do ano sen avanzar na adquisición ou alugueiro do baixo e o entresollado dos edificios da rúa Olmos, 25 e 27 nin na rehabilitación do edificio, cuxo estado segue a danar as pinturas polo que as choivas do outono seguirán a caer sobre a vista da Coruña e os outros 12 frescos que Lugrís pintou naquel espazo”, sinalan.
“A Xunta tampouco cumpriu coa sua promesa de febreiro de 2024 de declarara de xeito exprés os frescos como ben de interese cultural”, denuncian. “Estes retrasos súmanse aos silencios, desleixos e desintereses que levan amosando as dúas administracións dende que, en xuño de 2021, O Mural puxera no seu coñecemento o abandono do edificio e o perigo para esta obra de arte senlleira”.
Máis novas
O Mural advirte que a inactividade da Xunta e Concello causa máis danos nos Murais de Lugrís do Olmo
A Xunta propón recuperar e expoñer os murais de Urbano Lugrís na rúa Olmos