Obradoiros de música, fanzines de medio ambiente e dereitos humanos e filmes sobre discapacidade centrarán a celebración do Viñetas Inclusivas, a última grande actividade deste ano do Festival Viñetas desde o Atlántico que pechará este 2025 con récord de actividades e visitas. o director do festival, Manel Cráneo, destaca a necesidade de darlle visibilidade á diversidade con este ciclo.
A xornalista Sonia Hermida será a encargada de abrir este xoves, ás 18.00 horas a primeira das sesións. Será co obradoiro “A que soa unha banda deseñada” que terá lugar na Biblioteca Infantil e Xuvenil da rúa Durán Loriga. É unha sesión para persoas con diversidade funcional na que a música será a protagonista, como tamén o foi nesta edición do Viñetas.
Xa o venres, e en colaboración con Amnistía Internacional, o Viñetas presentará o fanzine ‘Nai dos desterrados’ sobre medio ambiente e dereitos humanos. Será ás 19.00 horas na Biblioteca Infantil e Xuvenil e contará coa presenza das ilustradoras e deseñadoras Laprislazuli, La Chica de la Cinta, Paula Esteban e Noelia Rodríguez. Neste acto abordarase a vinculación das grandes empresas enerxéticas co medio ambiente e o papel que teñen os gobernos na regulación do uso dos combustibles fósiles.
Un pouco despois, ás 20.30 terá lugar no Salón de actos da Academia de Belas Artes a proxección do filme ‘Mary and Max”, unha cinta de animación sobre discapacidade. É a primeira longametraxe de Adam Elliot, gañador dun Oscar coa curtametraxe Harvey Krumpet e director de Memorias dun caracol (nomeada aos Oscar e aos Globos de Ouro). Narra a histoira dunha nena solitaria de 8 anos en 1976 que mantén correspondencia cun amigo inesperado: un neoiorquino de 44 anos con obesidade mórbida e síndrome de Asperger. Obtivo o premio á mellor película no Festival de Annecy 2009 (ex-aequo con Coraline) e mención especial no Festival de Berlín 2009.
INTERNACIONALIZACIÓN E CALIDADE
O Viñetas desde o Atlántico pechou unha exitosa edición marcada pola internacionalización, máis apoio á Banda Deseñada de Galicia, unha maior calidade de contidos e deseño expositivo das mostras e, sobre todo, polo fortalecemento deste festival no tecido cultural galego grazas á implicación do Concello da Coruña e das entidades colaboradoras. De feito, as máis de 50.000 persoas que pasaron polas sete sedes das súas diversas exposicións, e as 80.000 que encheron a Rúa da BD durante a semana da mostra, dan proba do éxito desta edición.
Este Viñetas amosou 1400 pezas entre obra en papel e creación dixital repartida en 21 exposicións. Nesta edición, participaron máis de 70 autores, fronte aos 40 do ano pasado, e preséntanse 20 exposicións, en comparación coas 18 de 2024. Tamén houbo tres concertos de autores de banda deseñada que tamén son músicos, un Late Night Show no Colón e seis obradoiros infantís na Sala Palexco. Foron preto de 60 actividades entre charlas, faladoiros, talleres ou presentacións e 36 casetas de librarías e editoriais con catro exposicións internacionais con obras de Canadá, Arxentina, Portugal e Francia.
Precisamente, para o director do festival, Manel Cráneo as cifras de visitas das exposicións desta edición do Viñetas reflicten o resultado dunha nova estratexia na xestión de contidos das salas expositivas. “Seguirei traballando nesta liña”, asegura. Ademais, destaca que partillar contidos de alto interese en Palexco para público familiar, como “Quino na música” e “Astro-Ratón” de Fermin Solís, produciron un aumento considerable de visitas na sala e, iso, di, “foi un dos acertos deste ano”.
“Os orixinais de Dave Cooper causaron sensación, os de Quino atraeron ao gran público e coa expo colectiva de autores portugueses e a do francés Christophe Blain achegamos aos barrios o cómic internacional. Esta recuperación de contidos internacionais para o festival é unha das chaves para redimensionar o evento”, sinala xa poñendo a vista na edición do vindeiro ano.

