Emocionante e único o concerto vivido este domingo no Teatro Colón. Fransy González ofreceu unha maridaxe marabillosa entre a música tradicional e a música clásica que supçon o espectáculo Manhé, que sorprendeu ao público que ateigaba o coliseo herculino.

A artista arteixá estivo acompañada pola Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba, así como polo saxofonista Pedro Lamas, Sabela Fuentes, as cantareiras de Xiradela e o bailador Miguel Pardo.
Un dos momentos máis íntimos do concerto foi cando Sabela Fuentes, filla de Fransy, aportou a súa voz e violín canda á súa nai coa emoción agromando en cada nota. Foi o tempo de Miro pra ti, que ambas as dúas interpretaron mirándose aos ollos con fonda tenrura.

Na parte final do concerto as cantareiras Xiradela: Almudena Lema, Silvia Suárez Alonso, Silvia Suárez Varela, Pili Balado, Tania Silvosa, Alejandra Vázquez, Marité Vázquez, Sonia Ínsua e Inés Vázquez sumaron ás súas voces e pandeiretas á de Fransy, rememorando os inicios das súas traxectorias musicais, coa madurez que outorga o camiño andado.
Como acontecera no videoclip, a manda formada polas pequenas Julia, Candela, Rita, Nora, Luna e Martina sumáronse á posta en escena de Pequeniña.
Escoitáronse temas coñecidos xa polo público como Media leghua de camiño, ou Nin no mundo nin na terra. Pero na lista de cancións sumáronse: Vinte e cinco gabetiñas, Veneno para que muera, En los brazos de mi madre, Berghantiñana, Toque de chifre do capador, Que nun digan ou Caión, unha peza fundamental na traxectoria musical de Fransy e que non podía faltar en Manhe. Un momento moi emotivo produciuse co Cantar do silencio, con letra de Manuel de Eva e que Fransy dedicou ao seu pai elevando a súa man ao ceo do teatro.
Concello e Deputación da Coruña son os organizadores desta cita cultural.
Máis novas
A cantareira berghantiñana Fransy González destapa o seu novo espectáculo no Colón
A cantareira arteixá Fransy lanza o seu novo proxecto en solitario
Pepe Cunha, 25 anos á fronte do mellor programa de música galega contemporánea, “Ábrete de Orellas”

