InicioA CORUÑAO BNG presenta unha batería de enmendas aos Orzamentos da Xunta de...

O BNG presenta unha batería de enmendas aos Orzamentos da Xunta de 2026 para a Coruña e comarca

Publicada o

Por Redacción

As deputadas do BNG Mercedes Queixas e Iria Taibo, acompañadas da concelleira da Coruña, Avia Veira, e os portavoces de Cambre, Cerceda e Culleredo, Dani Carballada, Alberte Sánchez e Tono Chouciño, así como a concelleira de Cambre, María Teresa Prieto, presentaron hoxe as emendas que a formación nacionalista formula aos orzamentos da Xunta para 2026 en relación á cidade e á comarca.

En concreto, o BNG pide 120 millóns de euros máis para a cidade nas súas propostas de modificación das contas do Goberno galego para o próximo exercicio.
“Nin A Coruña como cidade nin a comarca coruñesa están representadas no proxecto de orzamentos da Xunta para 2026”, concordaron Queixas e Taibo. “Cal é o proxecto do PP para A Coruña nos orzamentos? Pois política de propaganda e multiplicación de oportunidades perdidas”, resume Queixas. “Que fixo estes anos a Xunta na Coruña, alén da pasarela a Marineda e a plataforma para o baño no Parrote?”, preguntouse a parlamentar nacionalista.

O BNG criticou tamén a falta de execución de orzamentos pasados, como o Albergue dos Peregrinos, ou a reforma da residencia de maiores Torrente Ballester ou o Centro de Formación da Cidade das TIC, que tras ser esquecidos en 2025 pasan ás contas de 2026.

Os de 2026 son, ademais, orzamentos “decrecentes” en materias tan relevantes como a ampliación do CHUAC –“con menos orzamento do previsto cando Feijoo anunciara que en 2025 as obras estarían rematadas en 80%, sendo que en realidade apenas se chegou ao 10%”- ou no que ten a ver co ensino, cunha drástica caída, por volta do 50%, das partidas destinadas aos centros públicos. Na mesma liña continúan a ser desatendidas as demandas de reforzo nos Centros de Orientación Familiar…

20 enmendas para a cidade

Da vintena de emendas rexistradas polo BNG a estes orzamentos en relación á nosa cidade, Queixas puxo en destaque tres pola súa evidente relevancia social.
“A primeira, a recuperación do investimento comprometido para a ampliación do CHUAC, cunha emenda por valor de 60 millóns de euros.
A segunda, a posta en marcha dun ambicioso plan de acceso á vivenda pública na cidade, con 40 millóns de euros, destinados á unha bolsa de casas baleiras a prezos accesíbeis, a un bono alugueiro para mocidade con criterios sociais, a un programa de rehabilitación, ao impulso ás cooperativas de cesión de uso e ao aumento da oferta de prazas de residencia públicas para estudantes universitarios ou de FP superior.
A terceira, o reforzamento dos servizos públicos, desde os centros de saúde até as residencias de maiores”, relatou, reforzando o persoal sanitario dos COF do Ventorrillo e Orillamar e completando a carteira de servizos do centro de saúde de Novo Mesoiro.

Canto ao ensino, as emendas do BNG recollen fondos para a reforma integral dos CEIP de Prácticas e CEIP Cidade Vella, para a creación dunha escola infantil en Xuxán e para iniciar o proxecto dun CEIP neste barrio novo da cidade.

No que atinxe a cultura, as propostas do BNG van na dirección de a Xunta se comprometer co deseño dun plan de posta en valor do legado depositado na Fundación Luís Seoane, alén de demandar un aumento significativo da partida orzamentaria para o apoio ao Consorcio para a Promoción da Música, de modo a ir amortizando de vez a débeda que a Xunta ten contraída coa Orquestra Sinfónica de Galiza.

Emendas para a comarca

O reforzamento dos servizos públicos -coa creación dunha escola infantil en Oleiros ou a dotación de máis prazas públicas nas residencias de Cerceda e Carral- e o desenvolvemento dun Plan de Industrialización da comarca -cunha partida de 5 millóns de euros- son as prioridades das emendas do BNG relativas á comarca.

“Non vemos a comarca da Coruña nestes orzamentos. Non hai o mínimo compromiso por parte da Xunta con ela”, lamentou Iria Taibo, quen criticou tamén “a falta de transparencia das contas”. “Faltan partidas específicas e territorializadas, o cal dificulta moito o traballo da oposición e constitúe un engano á cidadanía”, resaltou.

Tampouco as políticas de mobilidade resolven os problemas da comarca. “Continúan sen planificar a conexión da Vía Ártabra coa A6, actuación que desde logo si recollen as nosas emendas”, concluíu.

ÚLTIMAS

As chaves da folga de médicos na atención primaria galega

O meu nome é Afonso e son un dos representantes da asemblea de médicos...

Solidariedade Internacional celebrou 20 anos da tenda de comercio xusto de San Andrés

Se pensamos nas tendas de comercio xusto da cidade, seguro que a cabeza nos...

Sofía Espiñeira e Yudith Almeida emocionan nun peche musical que namorou ao público de Mulleres na Rúa


A Semana Mulleres na Rúa, artellada dende a Asociación de Veciños Oza – Os...

A Policía Nacional incauta 650 gramos de cocaína ao desmantelar un punto de venda no barrio da Sagrada Familia

Axentes da Policía Nacional da Comisaría da Coruña desmantelaron un "punto negro" de venda...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here