Taxistas convocantes nos últimos meses de protestas na Coruña contra as VTC, para esixir que non se lles permita realizar servizos urbanos para os que non teñen autorización, mostraron o seu rexeitamento á consulta pública para unha nova ordenanza avanzada polo goberno local. “Estamos descontentos“, asegurou o portavoz do colectivo, Juan Carlos Sambad, quen cuestionou que tipo de información se lle vai facilitar á cidadanía para que poida posicionarse sobre esta normativa. Neste sentido, insistiu en que non se pode permitir que as VTC realicen servizos urbanos, ao tempo que criticou medidas municipais como o cambio de localización de determinadas paradas de taxis.
Hai uns días, representantes do sector xa se mobilizaran para denunciar a “inacción” do Concello fronte ás “irregularidades” dos vehículos de transporte con condutor. Segundo denuncian, estes vehículos realizan traxectos dentro da cidade cando a súa licenza permite exclusivamente os desprazamentos interurbanos. O colectivo reclama que a administración local faga cumprir a lei, tras alertar de que actualmente son preto de cen as licenzas de VTC que operan sen ningún tipo de control nas rúas coruñesas.

