Traballadores e traballadoras de Industrias Losán concentráronse este xoves, ante a Delegación do Goberno en Galicia, en demanda dun plan industrial que garanta a continuidade do emprego e da actividade produtiva. Tamén, informa a CIG, para reclamar o cobro inmediato dos seus salarios “pois neste momento a empresa débelle a todo o persoal as nóminas de novembro, decembro e xaneiro e a paga extraordinaria de Nadal“.
Ao fío diso, explica que a situación nas factorías é cada vez “máis insustentable” para os traballadores e traballadoras que enfrontan, engade, “serias dificultades económicas e unha permanente incerteza do seu futuro”. Dentro do calendario de mobilizacións acordado entre os distintos comités, este xoves realizáronse accións de protesta simultánea para demandar a implicación activa da administración estatal, principalmente a SEPI, “ante a incapacidade da empresa de saír da situación”, engade.
O presidente do comité de Industrias Losán de Curtis, Xosé Anxo Sánchez (CIG), instou á SEPI a que esixa un plan industrial que garanta a carga de traballo e que asegure o mantemento do emprego, uns 200 postos directos en Galicia e máis de 800 no conxunto do Estado. O próximo 12 de febreiro, o persoal convocou unha mobilización ante a Consellería de Industria en San Caetano, en Santiago de Compostela, para demandar tamén a implicación da Xunta.

