CIG-Ensino denunciou unha deterioración “estrutural” en centros educativos da provincia da Coruña e urxe actuacións inmediatas a este respecto. “O que o conselleiro de Educación vende como ‘normalidade’ é, en realidade, un escenario de deterioración estrutural e abandono que afecta directamente a vida cotiá de miles de estudantes e docentes”, sinala a organización nun comunicado.
Por outra banda, indica que a realidade que o sindicato observa nas visitas aos centros educativos dista moito da “propaganda da Xunta“. Segundo a central, moitos centros presentan graves deficiencias como pingueiras crónicas, sistemas de calefacción obsoletos, falta de illamento térmico e problemas de accesibilidade que impiden a educación inclusiva.
O sindicato remarca que moitos deles, como o CEIP Virxe do Portal en Sobrado dos Monxes, o CEIP Sal Lence e o CEIP de Prácticas, ambos na Coruña, ou o IES Ferrolvello, levan anos esperando que se resolvan os problemas que impiden o normal desenvolvemento da actividade docente.
Finalmente, sostén que noutros casos como o CEIP Rosalía de Castro da Coruña as deficiencias afectan á accesibilidade do alumnado con problemas de mobilidade. Así mesmo, apunta que noutros centros como o IES Eduardo Pondal de Ponteceso presentan tales deficiencias e carencias que mesmo lles impiden utilizar as instalacións con normalidade.

