A área de Igualdade da Deputación da Coruña conmemorará o 8M cun programa de actividades centrado na memoria histórica e o papel das mulleres nas loitas sociais e laborais reivindicando o seu protagonismo na transformación das comunidades e nas conquistas de dereitos.
“As mulleres estiveron sempre nesas loitas pero non aparecen nos libros de historia”, recalcou a deputada de Igualdade, Sol Agra, durante a presentación do mesmo. A programación pon o foco na “visibilización das mulleres que sostiveron procesos colectivos fundamentais como a reconversión do naval ou as mobilizacións do século XX”, concretou.
Neste sentido, destacou a importancia de “reforzar a idea de que a igualdade require un compromiso continuo e compartido”. “Queremos incidir na resistencia, resiliencia, sororidad e o poder colectivo das mulleres para o avance social”, engadiu.
Así, ‘Mulleres da reconversión’ será unha serie de encontros con mulleres da contorna para investigar o seu papel na reconversión industrial e naval en Ferrolterra. Con esa información, elaborouse unha exposición e un vídeo documental que presentarán en Fene o 6 de marzo.
Tamén puxeron en marcha a exposición ‘Sinaladas’ a disposición das entidades, concellos e centros educativos que a soliciten. “É unha homenaxe a aquelas mulleres que formaron parte das loitas sociais desde o século XIX en Galicia e non aparecen nos libros de historia”, insistiu.
Ademais, inclúe o ciclo ‘Circuíto en igualdade’ para trasladar aos municipios “ao longo destes meses” un programa “constante” no que haberá talleres, teatro, curtos e contacontos para público infantil e adulto “ao redor da igualdade, o feminismo e dereitos persoas con diversidade sexual e de xénero”. Así mesmo, o 7 de marzo celebrarase un concerto de ‘De vacas’ en Carballo.
“A igualdade como eliminación da violencia de xénero non é cousa de datas sinaladas é un traballo diario de visibilización, prevención e concienciación”, apostilou.


