O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, anunciou esta mañá que non vai ser o candidato nacionalista á Alcaldía nas eleccións municipais de maio de 2027. Jorquera porá fin ao seu traballo no Concello ao termo deste mandato.
“O obxecto desta comparecencia é comunicarvos que no día de onte lle trasladei ao Consello Local a miña decisión de non ser candidato á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de 2027”, anunciou Jorquera. “É o momento de pechar un ciclo”, sinalou.
Estamos perante unha decisión “longamente meditada”. “Tomeina hai xa tempo, mais creo que este é o momento oportuna para a facer pública”, engadiu. Varias razóns explícana. “Inflúen razóns persoais. A miña vida non se esgota na política e hai aspectos da miña vida persoal e familiar aos que lle quero prestar máis tempo e dedicación”, dixo. Alén dixo, lembrou que en maio de 2027 “vou ter perto de 66 anos e non me vexo con suficientes forzas para estar na Corporación outros catro anos máis”.
“A miña vontade”, continuou, “é seguir exercendo como concelleiro até fin de mandato. Mais tamén vos traslado”, díxolles aos medios, “que poño a disposición o meu cargo de portavoz do grupo municipal, por se o grupo municipal e o Consello Local do BNG consideran que sería positivo que se producise o relevo antes das eleccións municipais”.

