A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, considerou un “avance” que a Xunta se comprometa a impulsar a creación dun fondo económico de promoción turística destinada a captar novas rutas nos tres aeroportos galegos, en colaobración con Aena, os concellos e as deputacións tras unha nova reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria celebrada o martes.
“Hai que avanzar en coordinación aeroportuaria en Galicia para mellorar a conectividad aérea, non perder pasaxeiros e aproveitar os tres aeroportos que temos”, recalcou tras esta reunión da que resaltou que “por primeira vez” a Xunta “comprométese a facer un esforzo económico”. “Imos ver como se concreta ese apoio e ese esforzo para ser máis competitivos”, sentenciou para incidir en que valora que a Xunta “entenda que hai tres aeroportos e que hai que ser competitivos, non competir entre nós”.
Neste sentido, insistiu en que deben analizar “as potencialidades de cada un”. “Cales son os mellores destinos de cada aeroporto e cales son as demandas turísticas”, aseverou para reiterar que hai que ser competitivos e “non competir” entre os tres aeroportos de Galicia. A rexedora sinalou, por outra banda, que a área de Turismo do consistorio traballa “para conseguir máis rutas” mentres que apuntou que medidas como a taxa turística “non só non disuade, senón que aumentamos en turistas”, facendo referencia aos datos dun mes como o de xaneiro.

