Médicos, odontólogos, podólogos e farmacéuticos destacaron a necesidade de concienciar á cidadanía sobre o uso da receita médica. Todos eles incidiron na importancia de avanzar para que a nivel poboacional se entenda que esta norma achega “seguridade ao paciente“. Así o manifestaron este martes, nunha rolda de prensa na Coruña, durante a presentación da campaña ‘Unha para todos e todos para unha’ que se desenvolverá nas próximas semanas nas farmacias da provincia coruñesa.
“A receita médica é un elemento crave de seguridade para o paciente, unha ferramenta sanitaria fundamental, non é burocracia é seguridade clínica”, insistiu a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, Sara Catrain. “Unha receita ben feita protexe ao paciente, mal feita pode polo en risco”, indicou tras expor que existe moita falsificación de receitas, motivo polo cal se inclúe un código unívoco que evita problemas.
“ACTO DE RESPONSABILIDADE”
Na mesma liña, a presidenta do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, Ana Requeijo, dixo que “esixir receita oficial é un acto de responsabilidade, unha garantía profesional”. Ademais, alertou de que os pacientes non son conscientes dos riscos que asumen co autodiagnóstico e a automedicación. Pola súa banda, o presidente do Colexio de Odontólogos da Coruña, José María Suárez Quintanilla, recalcou que esta campaña ofrece “calidade, rapidez, rastrexabilidade e seguridade aos pacientes”.
Así mesmo, o presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, incidiu en que os fármacos son “algo perigoso” e por tanto hai que ter moita certeza e cautela por parte do profesional ao prescribilo e do paciente ao tomalo. “Unha poboación moi importante galega ten pluripatoloxía e toma varios medicamentos ao día”, apostilou para reforzar a necesidade de controlar a prescrición oficial fronte aos perigos de non seguir as canles sanitarias establecidas.

