A Deputación da Coruña e a Fundación Luís Seoane formalizaron este luns un convenio de colaboración para o desenvolvemento das actividades complementarias do Premio Luís Seoane de Deseño, un dos galardóns culturais que convoca regularmente a institución provincial coruñesa para promover o talento artístico.
O acordo, asinado polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o presidente da Fundación e concelleira de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro, ten como obxectivo fixar a proxección do premio a través da organización dunha exposición sobre a traxectoria das persoas ou entidades gañadoras da última edición, así da edición dunha publicación específica dedicada ao seu percorrido profesional.
O presidente da Deputación destacou que este convenio permite seguir impulsando o talento creativo e o deseño como ferramentas de innovación e desenvolvemento cultural, á vez que recoñece a figura de Luís Seoane, un dos grandes referentes da cultura galega contemporánea.
A Fundación Luís Seoane, entidade de referencia na difusión da obra e pensamento do artista, colaborará achegando ao seu espazo expositivo, asesoramento especializado e a organizaicón de actividades complementarias como visitas guiadas, conferencias ou accións divulgativas.
Pola súa banda, a Deputación asumirá a coordinación das exposicións e os custos asociados á súa produción, incluíndo a montaxe, transporte, seguros e edición da publicación, garantindo así o correcto desenvolvemento das actividades previstas. O convenio enmárcase na liña de apoio á cultura e á creación artística que impulsa a Deputación, que convoca anualmente o Premio Luís Seoane de Deseño como recoñecemento ao talento e á innovación no ámbito do deseño, contribuíndo á súa difusión e posta en valor do talento creativo da provincia.

