O proceso de licitación do Máster Plan de Coruña Marítima avanza cara á transformación futura do porto e da cidade coa selección de cinco equipos finalistas entre as 14 candidaturas válidas que se presentaron ao concurso, segundo informan o Concello e a Autoridade Portuaria.
“A valoración da documentación presentada permitiu obter unha clasificación conforme aos criterios obxectivos establecidos no prego, como o currículo do equipo, a experiencia en proxectos similares e os recoñecementos profesionais dos seus integrantes presentados na oferta”, sinalan. Os finalistas agrupan un total de 28 empresas participantes e colaboradoras, das cales 13 contan con sede ou oficinas en Galicia.
Os equipos seleccionados disporán dun prazo de catro meses para presentar as súas propostas. Deste xeito, no terceiro trimestre deste ano prevese elixir a proposta máis axeitada, atendendo a criterios como a calidade técnica, a funcionalidade, os aspectos ambientais e económicos, así como a ordenación urbanística global.

