A coruñesa Carmen Villar, que ameazou cunha folga de fame ao considerar que a Xunta non actuaba ante a situación de non escolarización do seu fillo de acollida, cun 49 % de discapacidade recoñecida, logrou finalmente que o Goberno autonómico facilite a incorporación do menor a un centro da Coruña. “É unha sensación agridoce. Estou contenta porque o neno vai poder ir ao cole, pero é moi lastimoso ter que chegar ata aquí para que tomen en consideración o problema. Foron 14 meses moi duros e a decisión da folga provocoume moito sufrimento”, relataba este luns Carmen Villar a Europa Press.
Pola súa banda, a Consellería de Educación confirmou que equipos deste departamento, así como de Política Social da Delegación Territorial da Xunta na Coruña, atenderon este luns a esta nai e acordaron unha solución provisional para o menor. Villar, que denunciou este domingo que o seu fillo de acollida, de 15 anos e cun 49 % de discapacidade recoñecida, levaba 14 meses sen escolarizar, explicou que o rapaz “empezará esta semana nunha aula específica dun centro ordinario” e asegurou que “lle prometeron unha praza de educación especial en setembro”.
UN MENOR CON DEPEDENCIA SEVERA E 14 MESES SEN ESCOLARIZACIÓN
B. —inicial do menor—, que ten recoñecido un grao de dependencia severa, foi acollido de forma permanente por Villar e a súa parella hai 12 anos e está, ademais, baixo tutela da Xunta. Durante os cursos 2023-24 e 2024-25 estivo escolarizado no centro Agarimo, en Arteixo (A Coruña), onde, segundo relatou Villar a Europa Press, “conviven nenos con diferentes casuísticas”.
Porén, segundo explicou a nai de acollida, o propio equipo educativo admitiulle á familia unha “falta de medios”, unha situación que derivou en múltiples incidentes e que acabou coa súa expulsión cautelar en febreiro de 2025 por motivos de seguridade. “Puxeron unhas medidas cautelares nas cales se explica que non poden garantir a integridade do neno, dos seus compañeiros nin do equipo educativo”, criticaba.
A FAMILIA DENUNCIA “DESPROTECCIÓN INSTITUCIONAL”
Desde entón, o menor non regresara a un centro destas características. Ante esta situación, a familia aseguraba sentirse nunha situación de “desprotección institucional”, unha realidade que Carmen Villar decidiu denunciar publicamente. Agora, tras semanas de presión e despois de chegar a ameazar cunha folga de fame, a familia conseguiu unha saída provisional que permitirá que o menor volva incorporarse ao sistema educativo mentres agarda por unha praza estable de educación especial a partir de setembro.

