O Concello da Coruña abre este martes o prazo de inscrición para unha nova edición da Escola de Participación, que se desenvolverá durante os meses de outubro e novembro cunha oferta de 19 cursos e talleres gratuítos, 165 horas de formación e 400 prazas.
A iniciativa, organizada polo Servizo Municipal de Participación Cidadá, está dirixida tanto ás asociacións e entidades da cidade como á cidadanía interesada en adquirir novos coñecementos e habilidades.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destaca que a iniciativa “busca ofrecer formación útil para o funcionamento cotián das asociacións e facilitar ferramentas que lles permitan desenvolver os seus proxectos”.
Unha das novidades desta edición é a incorporación dun bloque específico de formación sobre subvencións e convenios, que será impartido por persoal municipal encargado directamente da súa xestión.

