O artista Raphael actuará no Coliseum da Coruña o vindeiro 21 de novembro con “Raphaelísimo”, un espectáculo que a produtora presenta como “superlativo” e que “captura a esencia dunha carreira única na historia da música en español”. O concerto forma parte do ciclo Concertos do Xacobeo e será a súa única actuación en Galicia.
Segundo informa a produtora, a xira reúne os grandes éxitos que o converteron nunha icona, como “Yo soy aquel”, “Mi gran noche” e “Escándalo”, xunto coas cancións do seu novo álbum, “Ayer… aún”. Este traballo preséntase como “un tributo exquisito” á canción francesa e unha homenaxe a artistas da talla de Édith Piaf e Charles Aznavour.
A produtora describe “Raphaelísimo” como unha proposta que vai máis alá dun concerto: “É unha viaxe emocional guiada pola lendaria voz e a asombrosa capacidade interpretativa de Raphael, un artista cuxa autenticidade e paixón sobre o escenario seguen cativando públicos de todas as idades e estilos”. O evento está organizado por Cávea Producciones, co patrocinio da Xunta e a colaboración do Concello da Coruña. As entradas xa están á venda.

