Milleiros de persoas (preto 5.000 aseguran fontes policiais) concentráronse este mércores na Praza de María Pita, na Coruña, en protesta pola presenza do líder de Vox, Santiago Abascal, nun acto na céntrica praza coruñesa.
A praza simbolizou as dúas Españas, cunha pequena esquina, a máis cercana á Porta Real, na que Abascal ofreceu as súas declaracións ante uns centos de simpatizantes separado por un cordón policial formado por máis dunha ducia de furgóns da Policía Nacional dunha contramanifestación convocada por organizacións estudantís, Galiza Nova e o Sindicato de Inquilinas.
Nesa zona vivíronse momentos de tensión con disturbios e cargas policiais (con pelotas de goma e gases) contra a mocidade mentres coreaban consignas como ‘A Coruña é antifascista‘ ou ‘Non sodes nada sen a policía’, entre outras.

En declaracións aos medios, o secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gabiás, reivindicou que “os discursos de odio que lanza” a formación de Santiago Abascal “non son ben recibidos en Galicia”. “O seu odio e o seu racismo son unha estratexia para dividir ás claeses populares. Os problemas non son os migrantes é o fracaso do sistema capitalista”, subliñou Gabiás.
Durante o acto, preguntado pola protesta, Santiago Abascal defendeu que “non hai coacción” que poida con eles, asegurando que a presenza dos manifestantes non lles dá “ningún medo”.
Así mesmo, reivindicou que cun cambio de Goberno “non será posible acosar aos cidadáns e acudir ás prazas a impedir que a xente poida expresarse en liberdade”.
View this post on Instagram

