As Xuventudes Socialistas da Coruña condenaron “rotundamente” calquera “manifestación de violencia”, tanto a “exercida por participantes na mobilización” do mércores tras unha protesta contra un acto de Vox en María Pita como “calquera actuación policial que puidese supoñer un uso desproporcionado da forza”, e pediron “non criminalizar o conxunto de persoas que participaron na mobilización”.
“Resulta profundamente inxusto reducir unha concentración plural aos incidentes protagonizados por determinadas persoas, ignorando a actitude pacífica do resto das asistentes”, sinalaron nunha nota de prensa. Por outra banda, defenderon que o seu rexeitamento á violencia “non debe confundirse con neutralidade ideolóxica” e manifestaron a súa “oposición frontal” ao proxecto político que representa Vox.
Do mesmo xeito, trasladaron toda a súa solidariedade e apoio ás persoas feridas nos disturbios, ás que desexaron unha pronta recuperación, ao tempo que pediron que se esclareza o sucedido. Ademais, quixeron aclarar que as Xuventudes Socialistas e a Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) son organizacións distintas, “con estruturas, representación e responsabilidades propias”, subliñando que as xuventudes do PSOE non convocaron a mobilización.

