InicioOPINIÓNA batalla da participación veciñal

A batalla da participación veciñal

Publicada o

Por Ricardo Vales

Non houbo case sorpresas na asignación de áreas de traballo dentro de novo goberno municipal. José Manuel Lage segue a ser o home forte, desempeñando tamén o papel de eminencia gris dentro do Concello, dada a súa condición de segredario de organización do PSdG-PSOE. As competencias das que dispuña no anterior mandato foron ampliadas, principalmente as relacionadas coa cuestión urbanística. O tándem Inés Rey-José Manuel Lage parecen querer asegurarse de que ninguén lles fará sombra dentro do seu xardín municipal, evitando reproducir outro caso como a renuncia de Juan Díaz Villoslada no curso do mandato anterior. Para elo, confían na súa propia capacidade política para orientar o futuro da cidade, dotándose dun equipo monocolor.

A segunda consideración é sobre a asunción da responsabilidade dos barrios por parte da alcaldesa. Polo que se vai anticipando, o obxetivo é que os movementos sociais teñan unhas canles de trasmisión das aspiracións veciñais directamente coa alcaldía, sen intermediarios, que a miúdo converten en máis complexa esas relacións. A excesiva burocracia é, precisamente, unha das acusacións máis severas que se fan moitas veces da xestión municipal. A este respecto, bótase de menos un regulamento que posibilite a participación efectiva da veciñanza a través das súas organizacións representativas. Cabe indicar que a participación veciñal foi dende a primeira corporación democrática unha especie de sono inacabado. I é que participación é un concepto equívoco, do que se abusa constantemente nos períodos electorales, confundindo os fins que se pretenden, mais que as boas intencións derrúbanse coa entrada no Concello.

Dentro deste contexto, un dos exemplos máis reveladores foi a aprobación en 1981 dun Regulamento de Participación Cidadá, considerado polos analistas do momento, como exemplar no conxunto de España. Con José Manuel Rey Pichel, concelleiro de Relacións Cidadáns, presidindo as reunións, aprobouse un texto que articulaba o dereito da iniciativa popular, creaba os consellos territoriais e sectoriais en áreas como sanidade, ensino, cultura, deportes e urbanismo, facilitaba a presenza das asociacións representativas nas comisións municipais e permanentes, previa solicitude, ao tempo que contemplaba a posibilidade do referendo e a consulta popular para asuntos trascendentais. Igualmente, regulaba a participación das asociacións veciñais nas festas dos barrios, así como a recepción das actas dos temas a tratar nos plenos e permanentes, antes de que se celebraran. A Xunta anulara os artigos referidos ao referendo e a consulta popular, mais malia todo, o texto adquiriu un prestixio definitorio, mesmo fora da cidade. Unha das primeiras decisións adoptadas por Paco Vázquez foi eliminar un regulamento do que 42 anos despois hai que recoñecer o esforzó e ata a valentía que supuso aquel primeiro paso nun diálogo sobre algo que resultaba tabú despois de corenta anos de soportar unha corporación franquista.

Ben, todo isto é historia pasada, e o seu recordatorio apenas serve de lección nada máis que para quen a vivimos. Mais que a alcaldesa asuma en primeira persoa as relacións cos barrios pode ser un ponto de partida axeitado para abrir un espazo de reflexión e debate entre o conxunto dos movementos sociais que permita desenvolver as súas reivindicacións de xeito máis axil e eficaz. Eu seguirei esperanzado pola elemental inxenuidade de supoñer que aínda é posíbel facer un Regulamento de Participación Cidadá na Coruña.

Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación da Plataforma Cívica Defensa do Común.

ÚLTIMAS

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here