InicioECONOMÍAAvanza o novo CHUAC coa autorización para as obras dos accesos, que...

Avanza o novo CHUAC coa autorización para as obras dos accesos, que custarán 25 millóns

Publicada o

Por europapress

A construción do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña dá un novo paso coa autorización por parte da Xunta ao proceso de licitación para os accesos do hospital, que suporán un investimento de 25 millóns de euros.

O acordo para a licitación do contrato, que se activará “nos próximos días”, recibiu o visto e prace este xoves no Consello da Xunta, tras o cal, o vicepresidente primeiro, Diego Calvo, concretou en rolda de prensa que a construción dos accesos ten un prazo de execución de 24 meses.

O proxecto contempla a remodelación do acceso ao hospital público da cidade herculina desde a estrada AC-12, cuxa titularidade, agora en mans do Estado, asumirá a Xunta.

Tamén se construirá un anel perimetral que rodeará o novo CHUAC ata a intersección da rúa Curramontes –onde se habilitará un aparcadoiro provisional mentres duren as obras– e o Castiñeiro de Eirís. Este anel perimetral realizarase en forma de viaduto para reducir o impacto nas vivendas da Pasaxe.

O deseño inicial foi modificado como froito do proceso de exposición pública para corrixir a forma de executar as obras na zona máis próxima ao barrio das Xubias e, así, evitar “calquera afección” ao pazo Guyatt.

O trazado contempla 21 eixos, unha nova glorieta de 41 metros de diámetro, cinco entronques con viarios da zona e un total de 4,09 quilómetros de lonxitude que se ampliarán ata o 5,76 km unha vez conclúa totalmente a construción do novo CHUAC.

Aos 25 millóns de euros de orzamento cos que parte a habilitación de accesos ao novo hosiptal hai que engadir o custo das expropiacións de terreos para a súa posta en marcha, cuxo custo será sufragado pola Administración autonómica.

Finalmente, será necesaria a expropiación de 14 predios que suman 18.131 metgros cadrados, dos que 14.735 metros serán de ocupación definitiva sen afectar a unha vivenda, segundo os datos facilitados pola Xunta.

 

ÚLTIMAS

A UDC acolle unha das xornadas de AMEGA sobre o futuro dos medios de comunicación

Os medios de comunicación viven unha transformación profunda marcada pola intelixencia artificial, os novos...

Aberto o prazo para solicitar o Bono Taxi 2027 na Coruña, ata o 9 de novembro

O Concello da Coruña abriu o prazo para solicitar o Bono Taxi 2027, unha...

A exsubdelegada do Goberno na Coruña María Rivas postúlase para liderar a lista do PSOE na provincia

A exsubdelegada do Goberno na Coruña e actualmente directora do Plan Estratéxico da cidade...

O Concello da Coruña lanza unha campaña para animar aos mozos a falar de saúde mental sen prexuízos nin medo

O Concello da Coruña vén de lanzar unha campaña municipal para achegar a conversa...