InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOTarde, pero Xunta e Concello impulsan a declaración BIC dos murais de...

Tarde, pero Xunta e Concello impulsan a declaración BIC dos murais de Lugrís

Publicada o

Por europapress

A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña impulsan a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) dos murais de Urbano Lugrís, na rúa dos Olmos, propiedade dunha empresa en concurso de acredores.

Segundo informaron ambas as institucións, a Consellería de Cultura prepara a incoación do expediente para declarar BIC as pinturas, unha serie de murais situados nun baixo comercial. Faino tras recibir os informes realizados polo consistorio para levalo a cabo despois de que o martes se coñecese que hai catro ofertas presentadas para a adquisición dos mesmos, unha da Xunta.

Representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e do Concello herculino estiveron en contacto nas últimas horas para traballar neste asunto, “coincidindo ambas as na súa relevancia e interese para A Coruña e para Galicia“, remarcan. Ademais, precisan que “co obxectivo de impulsar a dita declaración” a Consellería púxose en contacto co consistorio “para solicitar a documentación dispoñible, avaliar a declaración e avanzar na mesma“, co ofrecemento de “máxima colaboración” por parte do goberno local para a conservación dos murais.

Agora, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural están a analizar a documentación remitida polo concello, que unirán á que xa ten o propio Goberno autonómico “co fin de proceder a incoar a declaración BIC deste conxunto do artista coruñés“. “Desta maneira búscase dar a máxima protección patrimonial a estas obras, baseándose no seu valor artístico e orixinalidade, tendo en conta, ademais, o interese común por manter as obras na cidade da Coruña, a importancia de que non se disgreguen e que se manteñan xuntas no futuro, así como a posibilidade de que sigan sendo públicas” para o acceso ao mesmo da cidadanía.

Crítica do BNG

Ante esta decisión, a concelleira do BNG e deputada electa Mercedes Queixas celebra que a Xunta e o Concello da Coruña “rectifiquen por fin” e asuman as súas responsabilidades na protección dos murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos. “Se rectifican é grazas á presión social e tamén ao traballo político do BNG”, sinala.
Até agora perderon o tempo nunha confrontación estéril, nun pasarse a responsabilidade os uns aos outros, mentres a obra de Urbano Lugrís se ía deteriorando a pasos axigantados, con grave risco para a súa integridade”, denuncia Queixas. “Dúas administracións cómplices no abandono dun patrimonio cultural colectivo”, engade.
Lembra Queixas que “o BNG levou, en varias ocasións, a declaración dos murais como BIC ao Parlamento galego. E sempre bateu coa oposición dun PP que argumentaba que xa estaban suficientemente protexidos ao faceren parte do catálogo do PXOM e do PEPRI da Cidade Vella e a Pescaría. Agora por fin rectifican e fano in extremis, a última hora, ante o risco de que caian en mans privadas, mal vendidos a prezo de saldo”, remarca.

PROCEDEMENTO XUDICIAL

A declaración BIC afecta os murais situados no inmobles número 25 e 27 da rúa Olmos, cuxa propietaria está en concurso de acredores polo que o xulgado puxo agora en coñecemento da administradora concursal as ofertas para a súa compra. Unha delas, é a da Xunta por 35.000 euros, outra dunha galería de arte de Vigo, por 40.100, unha terceira dun particular, por 36.000, e unha cuarta, da empresa interesada en adquirir os edificios, cunha proposta económica de 30.000 euros.

Tras emitir un informe o administrador concursal, o Xulgado do Mercantil número 3 será o que tome a decisión tendo en conta “ademais do económmico, outros aspectos”, segundo precisaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

ÚLTIMAS

O Concello sacará a concurso o contrato para o novo Plan de Equipamentos Deportivos

No marco da folga de conserxes, pero sen facer referencia algunha, o Concello da...

Ollo, cortes en Alfonso Molina na saída cara á AP-9/Palavea este martes

As obras de remodelación da avenida Alfonso Molina, na cidade da Coruña, que realiza o Ministerio...

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...

Renfe prestará servizo con 500 servizos de bus para facilitar a mobilidade polas obras na estación da Coruña

Renfe modificará o servizo e habilitará un plan alternativo de transporte por estrada con...