InicioCULTURA(Vídeo) A Coruña convértese estes días no epicentro mundial da animación, os...

(Vídeo) A Coruña convértese estes días no epicentro mundial da animación, os efectos visuais e os novos medios

Publicada o

Por Ángela Precedo

Algo estaba acontecendo na mañá deste xoves nas inmediacións do Porto deportivo da Coruña. Centos de mozos agolpábanse ás portas do Palexco dende primeira hora e outros tantos chegaban desde todos os puntos da cidade. Todos tiñan algo en común: eran amantes dos videoxogos e do mundo da edición cinematográfica, algo que tamén se podía apreciar no seu vestiario e maquillaxe. Non había dúbida, vendo o panorama, de que algo grande ía acontecer este xoves. De que se trataba? Da inauguración do Congreso Mundos Digitales, un lugar de reunión de importantes creadores do mundo do audiovisual que expoñen os seus últimos proxectos e as innovacións do sector. Aínda que a presentación da edición número 22 non sería ata as 10.30 horas, dende as 8.00 xa había xente facendo cola para entrar.

Segundo nos di a organización, a asistencia deste ano está cifrada en 1.700 asistentes. Nada máis entrar no recinto do Palexco as instalacións xa entraban polos ollos, pois ademais das charlas de diferentes poñentes, tamén hai ‘stands’ nos que diferentes compañías e empresas amosan a súa tecnoloxía. Dende brazos animatrónicos para a filmación de videoclips ou programas que seguen de xeito milimétrico á persoa que se lles asigna ata pantallas destinadas a anuncios publicitarios que conseguen un efecto 3D case perfecto, deses que vas paseando pola rúa e tes que deterte para comprobar que as persoas que saen neles non son reais, pasando por estudos de realidade inmersiva nos que os presentadores poderían trasladarse ao lugar que desexasen sen moverse do plató. Tamén diferentes monitores e equipos de ordenador de alto rendemento ou compoñentes para lograr unha experiencia de xogo o máis satisfactoria posible.

Esta cita terá lugar durante tres días, dende este xoves ata o vindeiro sábado e, durante a mesma, poñentes de renome como Jesús Serranoprincipal program manager de Microsoft; Fernando Serranocomputer graphics artist de Deluxe Spain; ou David Cordero, cinematic animation acting lead de CD Projekt RED; e Paul Giacoppodigital character supervisor de Industrial Light & Magic; farán desfrutar de auténticas primicias ao público. Entre as temáticas: ‘La Casa de Papel: Berlín’‘Cyberpunk 2077’‘HALO’, ‘Indiana Jones’ ou ‘La sociedad de la nieve’. Ademais, neste encontro os centos de mozos (e non tan mozos) que asisten poderán participar da feira de emprego, na que poden atopar oportunidades de traballo dentro da industria que lles apaixoa.

Tampouco hai que esquecer que hai como parte da programación un festival de curtas no que un xurado profesional vota, pero no que tamén hai premio do público, que despois de visualizar cada unha das curtas, pode elixir a súa favorita. De esta votación sairán as mellores curtas do ano. Os organizadores do evento aseguran que “este é un lugar no que os ‘frikis’ podemos compartir as nosas ideas, aquí todos somos ‘frikis'”. De feito, convidan ao público a achegarse aos diferentes poñentes para falar con eles e preguntarlle as súas inquedanzas, porque “aquí non  hai deuses, aquí somos todos ‘frikis’, todos somos persoas e iso é o que fai que Mundos Digitales sexa un encontro tan especial, esa paixón compartida que todos temos polos gráficos, os videoxogos e os videoefectos”.

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here