InicioA CORUÑATraballadores de Navec denuncian o escurantismo sobre o preconcurso de acredores da...

Traballadores de Navec denuncian o escurantismo sobre o preconcurso de acredores da empresa

Publicada o

Por monchomarino

Grupo Navec Servicios Indutriales é unha compañía de servizos que entrou en concurso de acredores o pasado mes de xullo. Sorprendentemente, os traballadores desta empresa que exercen labores de montaxe e mantemento industrial din que “soubemos desta situación pola prensa online”. Porén, segundo os traballadores, cando a empresa tivo coñecemento de que os seus empregados da Coruña sabían da situación de preconcurso, “Navec enviou un comunicado dicindo que non nos preocupásemos, isto afectaba a outra delegación”. O caso é que consultado medios el liña de lugares onde Navec ten presenza, en todos este puntos a empresa está atrasando pagamentos salariais, en Llanera (Asturias) ou en Puertollano (Ciudad Real). Actualmente a empresa, con base en Tarragona, dá emprego a 1.400 traballadores en todo o Estado. Durante 2022, esta compañía recibiu un rescate de 9 millóns de euros mediante empréstito participativo con cargo ao fondo de recapitalización de empresas afectadas pola COVID. 

ATRASOS EN PAGAMENTOS E PRECONCURSO ACREDORES
“Nós cobramos o 19 de agosto cando normalmente o ingreso se fai o día 10 de cada mes. Logo, compañeiros que necesitan diñeiro para continxencias reciben anticipos o 25 de cada mes”
 di Mario Longueira de CIG en Navec. Outro traballador da empresa, Daniel Castro confirma que o dez de agosto non se ingresaran as nóminas: “só cobraran os técnicos”.

Preguntados por que se cobra o día 10 e non o 1 de cada mes, Mario Longueira explica que “é cuestión das horas extras que fagas, se fas extras o día 31 non dá tempo a contabilizala, por iso esperamos até o día 10 para termos todas as horas e outros elementos inscritos na nómina”. Por outra parte, algúns traballadores piden un anticipo do salario de cara a facer fronte ás facturas domésticas e outras esixencias adquiridas. “Isto faise o 25 de cada mes, algúns compañeiros levan tempo facendo esta solicitude e outros que nunca o fixeron e o pediron foilles denegado”.

Este 25 de agosto de 2024 cae en domingo, por tanto o pagamento de anticipos fíxose o luns día 26. Segundo os traballadores consultados, esta forma de cobro vén reflectida no convenio provincial do metal da Coruña.

Alén disto, o día 1 de xullo deste ano a empresa entraba en concurso de preacredores, situación que pode solicitar unha empresa en situación de insolvencia actual, insolvencia inminente ou probabilidade de insolvencia. Os acontecementos na Coruña son os mesmos que viven outras delegacións de Navec fóra de Galicia.

“A xestión da empresa é mala, cando Repsol sacou a concurso a nosa parte de mantemento, Navec colleu o traballo ofertando prezos moi baixos e de aí que a facturación actual tamén sexa baixa” di Mario Longueira. “Sabemos que noutras partes, como Tarragona ou Huelva a empresa tamén está tendo dificultades”.

“Desde Navec dixeron que se reunirían con Repsol e máis co banco mais non explican nada sobre estas reunións” sinala Daniel Castro. Preguntando aos traballadores se era certo que parte da falta de líquido nas contas de Navec se debía ao atraso no cobro de obras feitas na refinería, a resposta é que todas as obras feitas foron notificadas polos supervisores da empresa para que esta entregue partes de traballo e cobrar.

“Hai traballos que se fan a 60 ou 90 días, finalizado ese tempo Navec cobra co traballo feito” sinala Longueira. “Sabemos que Repsol ingresou diñeiro o día 25 de xullo para pagarlle a Navec e o día 9 de agosto Repsol pagou máis”. Aínda así, os traballadores de Navec da Coruña e doutros lugares onde está presente cualifican de anómala a situación da empresa.

SALARIOS E TRABALLO

Actualmente os salarios dos empregados de Navec na Coruña “andan sobre os 1.600 ou 1.700 euros brutos, quedando ao mellor en 1.500 euros netos” apunta Longueira. “Cando o traballador pide o anticipo do día 25 de cada mes, entrégaselle 1.000 euros, antes eran uns 800 euros, mais negociouse e ao final a empresa aceptou pagar esa cantidade” di Castro. Sobre se a oferta á baixa que realizou Navec puido afectar á nóminas dos traballadores, a resposta é que non, mais si puido afectar á conta de resultados da empresa.

Actualmente os traballadores realizan as súas tarefas en parellas e a quendas, tamén hai horas extras que se reflicten nas nóminas. “Non é obrigatorio, mais hai xente que realiza quendas de 24 horas, é dicir, traballan 12 descansan 12 e logo volven, traballan 8 horas oficiais, logo as horas extras súmanse na nómina” di Longueira. “Tamén se se traballa sete días o descanso correspondente é de dous días, mentres que se son 11 días de traballo o descanso é de tres”. Preguntado se este sistema é legal, a resposta é afirmativa.

Que sucedería se Navec abandonara a refinaría da Coruña? “Para entrar a traballar en Repsol, Navec tivo que depositar un aval, se abandona a refinaría, Repsol queda co aval, unha parte para pagar nóminas e logo quedará co resto como compensación”.

A expectativa está en saber se Navec pode afrontar a situación actual e saír ben parada, ou pola contra, deberá deixar os lugares de traballo e estes pasarían a seren subrogados outra vez.

Galicia Confidencial púxose en contacto con Navec e desde a empresa non quixeron realizar declaracións.

ÚLTIMAS

Aprobada a demolición do esqueleto do Martinete para comezos de 2025

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores 18 de setembro a adxudicación definitiva...

Condenan ao Concello de Coruña a pagar o servizo de xestión de augas residuais en dúas urbanizacións da Zapateira

A concesionaria da xestión de saneamento das augas residuais do Concello de Culleredo -Gestión...

“Cumprir a lei”: Ángeles Vázquez demanda cambios na planta de tratamento de residuos de Nostián

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, instou ao Concello da Coruña a "cumprir...

Mariscadores da ría do Burgo: “Deixaronnos tirados na rúa”

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo demandaron o pago de axudas mentres non poidan faenar...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here