Era unha das grandes eivas do mapa do carril bici da Coruña, como cada ano se comprobaba ao ver as propostas nos Orzamentos Participativos. O crecemento importante das rutas urbanas ciclables (no 2019 había 23 quilómetros de vías ciclables na cidade, en catro anos duplicouse esta cifra, superando os 50 quilómetros xa o ano pasado) estaba cortado en dúas zonas, pero a partir deste comezo de 2025 esa problemática será solventada.
O Concello pon en marcha, aproveitando as obras de San Andrés, a construción do novo treito de carril bici entre a Pescaría e o Paseo Marítimo, que conectará os Cantóns coa praia do Orzán. Xa comezaron este venres os traballos preliminares para vertebrar un percorrido ao longo da rúa Nova e a rúa Alta, partindo desde o carril bici xa existente preto do Obelisco, que chegará ata o carril segregado que transcorre polo Paseo Marítimo na contorna do Orzán cruzando as rúas de San Andrés e Socorro.
O Concello levará a cabo un investimento de máis de 104.000 euros nesta actuación, que terá un prazo de execución de catro meses.
Datos
O carril será bidireccional, con anchos de entre 1,90 e 2,5 metros en función do sector. O percorrido ciclista pola rúa Nova, ata o cruzamento con San Andrés, estará delimitado sobre o propio pavimento de adoquín, coa correspondente sinalización horizontal.
A medida máis destacada no contexto desta intervención será a que se levará a cabo no segundo sector, coa peonalización do treito da rúa Alta entre San Andrés e Cordelaría. Neste treito, o carril bici substituirá o espazo destinado actualmente ao paso do tráfico rodado, o que tamén permitirá gañar espazos peonís e mellorar a accesibilidade universal da rúa.
Xa no terceiro sector, o correspondente ao treito da rúa Alta entre Cordelaría e o cruzamento da avenida Pedro Barrié de la Maza e a rúa Socorro, o percorrido ciclista cobrará forma como un carril segregado —tamén pintado en cor vermella sobre o asfalto—, lindeiro ao carril destinado ao paso do tráfico rodado que acceda desde a rúa Cordelaría en dirección ao Paseo Marítimo.
A conexión co carril bici do Paseo Marítimo transcorrerá parcialmente sobre a beirarrúa que marca a bifurcación entre Pedro Barrié de la Maza e a rúa Socorro. Ao igual que no primeiro treito, o da rúa Nova, neste punto delimitarase o percorrido ciclista coa correspondente sinalización horizontal na beirarrúa. Ademais, crearase un paso ciclista específico, lindeiro ao paso peonil do Paseo Marítimo, pintado en cor vermella, que xa confluirá no propio carril bici do Paseo.
Máis novas
A Escola da Bici de Mobiliza ou como perder o medo a circular pola cidade
O Taller Reciclos, o paraíso social para os amantes das dúas rodas