Este venres, 18 de outubro, ás 12:00 horas, fronte ao Concello de A Coruña, así como noutras 50 cidades de todo o estado, a Mesa Estatal pola Blindaxe das Pensións (MERP) convoca de novo a toda a veciñanza a participar nunha concentración para que a Consitución garanta o dereito ás pensións para toda a sociedade.
De feito, o lema elixido, “Somos 48 millóns de pensionistas”, fai referencia, explican desde a MERP, “á unidade de todos os sectores da sociedade que somos ou seremos pensionistas”.
Dende a plataforma lembran que no mes de marzo próximo cumprirase o prazo para a revisión da reforma das pensións por parte de Bruxelas, “e, por tanto, do noso Sistema Público de Pensións”. “Noutros momentos vimos como Bruxelas propoñía, e ás veces impoñía, recortes que afectaron á vida de amplos sectores da sociedade”, aseguran, “polo que é máis necesario que nunca avanzar no consenso para blindar as pensións na Constitución prohibindo a súa privatización”.
Para quen representa á plataforma, “estamos a vivir ataques contra as pensións públicas, algúns cuestionando, unha vez máis, a súa sustentabilidade, e outros enfrontando aos nosos maiores coa mocidade, os traballadores, ou mesmo a uns pensionistas contra outros”.