InicioSen categorizar“Os cambios desta 2ª licitación do concurso da Fachada Marítima non abren...

“Os cambios desta 2ª licitación do concurso da Fachada Marítima non abren o proceso aos equipos locais”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Anunciaba onte a Autoridade Portuaria a nova licitación do Máster Plan da reforma da Fachada Marítima trala actualizacion dos cambios esixidos polo Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais ante o recurso presentado polos arquitectos locais polas restricións do procedemento.

A AP asegura ter aberto o acceso á profesionais da zona cos novos pliegos, e convoca un novo prazo de presentación para o 5 de novembro.

Porén son varias as entidades que amosan o seu descontento coa nova licitación, considerando que se perde unha gran oportunidade de abrir esta reforma aos profesionais da cidade e ás ideas locais.

Dende o colectivo de arquitectos consideran que “os cambios introducidos nesta 2ª licitación só intentan solucionar os problemas sinalados pola sentenza do TACRC e non reformular as bases, polo que non terán un gran efecto na apertura do proceso”. Así de rotundo se expresa Iago Carro, arquitecto do grupo Ergosfera. “Aínda que deixen de ser excluintes para os equipos presentados os requisitos relativos ao tamaño das cidades dos seus traballos previos ou á necesidade de ter construído un edificio cun orzamento de 100 millóns de €, en realidade introdúcense factores de corrección da puntuación para que os proxectos menores conten moitísimo menos na valoración. Sendo 5 os equipos que se seleccionarán para traballar nos próximos meses e sendo 11 o número de UTEs presentadas xa na 1ª licitación (e que polo tanto, suponse que cumprían xa os requisitos), é prácticamente imposible que novos equipos que se presenten agora grazas a ter a licitación menos condicionantes excluintes cheguen á puntuación deses outros 11”, apunta “É dicir, rebaixar os requisitos de exclusión deixando igual os criterios de valoración é unha apertura mínima que quizais permita a participación dalgún equipo máis, pero que de ningún xeito abre o proceso á grande maioría dos equipos locais que coñecen a cidade e levan anos pensando sobre o futuro portuario”, explica.

”Coruñesismo” fake

Para Carro, “a fórmula escollida polas institucións convocantes está basicamente pensada para convocar a grandes equipos internacionais como dixeron desde o primeiro momento, sendo as constantes mencións ao local ou ao “coruñesismo” da proposta buscada unha mera retórica política dirixida a unha parte da opinión pública local. É moi significativo, por exemplo, que entre as múltiples xustificacións para cada un dos requisitos establecidos fanse moitas categorizacións dos posibles proxectos presentados como curriculum polos equipos participantes en base ao tamaño das cidades nas que se fixeron, ao seu orzamento ou á súa superficie. Porén, casualmente non hai ningún criterio que puntúe a situación deses proxectos na cidade ou na súa contorna. É dicir, fanse elaboradas fórmulas para que sempre puntúe máis o máis grande e o máis costoso, pero non o máis próximo que reflectiría un coñecemento do territorio”.

Sobre importancia do enfoque do concurso tamén reflexiona: “Este tipo de procesos de pensamento e transformación urbana pódense enfocar desde a selección dos equipos participantes en base ao volume curricular ou en base as ideas previas que se presenten (como nun concurso de ideas). As institucións apostaron ao que tempo das ideas xa pasou e que o queren é un nome recoñecido que materialice as grandes decisións xa incluídas no prego e moi cuestionadas polos movementos sociais e a cidadanía crítica con este proceso, como a idea de que o futuro do porto só pode pasar pola desafectación de solo de dominio público (e polo tanto, coa apertura da posibilidade da privatización de parte da súa superficie)”.

A nova licitación segue sendo “restrinxida e limitadora”

Outro colectivo que segue de preto todo este procedemento inicial da reforma da Fachada Marítima é a plataforma cidadá Defensa do Común. Despois de estudar o novo expediente, “as bases estratéxicas seguen sendo as mesmas, polo que se redunda nos mesmos erros de partida que xa foran denunciados no seu día por Defensa do Común”. Lembran que “as bases seguen a apostar pola desafectación/privatización de parte do solo portuario, así como da súa xestión, e a introducción de usos residenciais e terciarios como fonte de obtención de plusvalías como única fórmula para a liquidación da débeda da Autoriodade Portuaria e a correlativa regresión subsidiaria do uso portuario, principalmente no que afecta ao sector pesqueiro”.

Consideran que o a pesar dos cambios introducidos, “segue a ser un procedemento restrixido e limitador da competencia”. Ademais, “redúcese o prazo de presentación de ofertas polos concursantes, dos 45 días do procedemento anterior aos 30 días do actual, o mínimo legal que, en realidade, son menos, dado que o prazo de 30 días computa desde o envío á Dirección Oficial da Unión Europea, que foi o día 6”.

Critican que se ben si se eliminaron certos requisitos en canto á magnitude dos proxectos xa realizados, no proceso de valoración se puntúan máis canto máis grandes sexan, sen contar a relación que haia coa magnitude da nosa cidade.

Máis novas

Licitado o máster plan para o deseño da futura fachada marítima cos cambios esixidos polo recurso

Un tribunal determina ampliar requisitos do plan da fachada marítima, que sairá de novo a licitación

Debe condicionar o pago da débeda do porto exterior a trascendental reordenación da fachada marítima?

Os requisitos do polémico proceso de licitación do Máster Plan Coruña Marítima que alonxa aos profesionais locais

 

ÚLTIMAS

A veciñanza do Castrillón coñece o proxecto da urbanización das 1.000 novas vivendas

Continúa o proceso de construción da urbanización de máis 1.000 novas vivendas no Castrillón....

Aprobada a licencia a Repsol para derrubar os tanques de cru da terminal de San Diego

O Concello da Coruña aprobou esta mañá na Xunta de Goberno a licencia defintiva...

O Ciclo Folk no Colón trae este sábado a Milladoiro

Este sábado 11 de outubro celebrarase unha nova sesión da segunda edición do ciclo...

Patti Smith actuará na Coruña para despedir a instalación temporal de Zara na Cúpula Atlántica

A cantante e compositora Patti Smith actuará este xoves ás 21.00 horas para despedir...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here