Trala denuncia realizada no Xornal da Coruña polo polémico concurso dunha praza de directora da Fundación Luís Seoane, van chegando reaccións. Neste caso trátase da ADACE, a principal asociación estatal de responsables de centros de arte que vela polas boas prácticas nos diversos procesos vividos en institucións, que envía comunicado moi crítico sobre o procedemento, co fin de reconducir a situación e levar a cabo un proceso transparente, xusto e limpo, segundo detállase no código de boas prácticas, documento fundacional en todo o estado español para establecer parámetros adecuados, en procesos desta natureza.
A Asociación de Directoras y Directores de Arte Contemporáneo de España leva máis de 20 anos vixiando e denunciando casos desta natureza no ámbito dos museos e centros de arte contemporánea en España. Forman parte de ADACE destacas figuras da dirección de museos e centros contemporáneos do estado español como Manuel Segade (Reina Sofía), Imma Prieto (Fundación Tàpies), Yolanda Romero (Colección Banco de España), Javier Hontoria (Patio Herreriano), José Lebrero (Museo Picasso), Santiago Olmo (CGAC), entre outros.
Así, a ADACE expresou o seu “rexeitamento ante as circunstancias que rodean o recente proceso de selección da dirección da Fundación Luis Seoane da Coruña, así como ante a falta de estabilidade institucional que vén caracterizando a súa xestión nos últimos anos”.
Sinalan que “o concurso público convocado en xullo de 2025, presentado como un exercicio de transparencia, evidenciou deficiencias notables no seu desenvolvemento: prazos exiguos, escasa difusión, ausencia de información pública sobre as puntuacións finais e un marco de valoración insuficientemente garantista. Estes elementos poñen en cuestión a equidade do procedemento e a confianza na gobernanza da institución“.
Vai máis aló do concurso a entidade. “A todo isto súmase unha traxectoria marcada por decisións directivas controvertidas e cambios reiterados na dirección,u que afectou de forma directa á continuidade dos proxectos e á imaxe pública da FLS. Este contexto reforza a necesidade de avanzar cara a un modelo de xestión cultural estable, profesional e transparente”.
Así, conclúen, “ADACE considera inaprazable establecer un marco normativo claro que regule a designación dos equipos directivos nas institucións culturais públicas, baseado nos principios de mérito, capacidade e rendición de contas, e afastado de calquera inxerencia ou discrecionalidad política. Só así será posible recuperar a confianza dos profesionais e da cidadanía na Fundación Luis Seoane como espazo de excelencia, compromiso e servizo público”.