InicioCULTURAAntón Corral e a campaña #Aquítaménsefala recoñecidos con sendos Premios da Cultura...

Antón Corral e a campaña #Aquítaménsefala recoñecidos con sendos Premios da Cultura Galega 2025

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

O gaiteiro e artesán de instrumentos musicais galegos Antón Corral (Coruña, 1936) e a campaña Aquí tamén se falta veñen de ser recoñecidos nos Premios da Cultura Galega 2025. Uns premios cos que a Xunta distingue un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.

Corral leva o galardón en materia de “Patrimonio Cultural”, mentres que a campaña do IES Rafael Dieste, a meirande iniciativa de normalización lingüística realizada no país e desenvolta por unha comunidade escolar, recibe o da categoría “Lingua”.

O xurado dos Premios da Cultura fixo público o fallo nas distintas categorías propostas:

  • Letras: Editorial Galaxia
  • Artes Visuais: Bienal de Arte de Pontevedra
  • Artes Escénicas: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
  • Música: Bodegas Martín Códax
  • Audiovisual: Baños Films
  • Lingua: Campaña ‘Aquí tamén se fala’
  • Patrimonio Cultural: Antón Corral
  • Proxección exterior: Programa de radio ‘Sempre en Galicia’

Aquí tamén se fala

Aqui tamen se fala mestres
Profesores responsables do Aquí tamén se fala

O xurado valora esta campaña de dinamización da lingua galega, iniciada no Instituto Rafael Dieste da Coruña no curso 2022-23. Desde entón estendeuse por máis de 200 centros de toda Galicia, desenvolvida polo propio alumnado de educación secundaria con diversas actividades na súa contorna inmediata. Contou con apoios de referentes culturais nacionais e internacionais como Viggo Mortensen, James Rhodes ou Tanxugueiras, e conseguiu que numerosos equipos deportivos galegos se sumasen empregando a lingua galega nas súas redes sociais. Aquí tamén se fala ponlle especial atención á música e á cultura galega realizando gravacións e entrevistas que se divulgan tamén polas redes.
Ademais de crear listas de reprodución e mesmo un festival, é unha actividade de formación para o alumnado do instituto Rafael Dieste, na que se imparten obradoiros de gravación, edición audiovisual e creación musical. Así, o alumnado ten posto en marcha producións audiovisuais profesionais nas que rexistran actuacións en directo de diversos grupos musicais e solistas. O proxecto obtivo diversos recoñecementos: o Premio Innovagal ao compromiso coa innovación educativa; o Rosalía de Castro de Lingua, da Deputación da Coruña; o do Fórum Europeo do Ensino; o de Innovación, da Secretaría Xeral da Lingua, ou o Mil Primaveras, da Comisión de Técnicas de Normalización da lingua.

Antón Corral

Anton Corral nunha foto de Vicente Angola (Telemariñas)

Nado na Coruña en 1936, é un artesán de instrumentos musicais galegos, gaiteiro e mestre de gaiteiros. Entrou en contacto coa música na época escolar tocando a bandurra e interesouse polos instrumentos tradicionais a través de Antonio Sandar, compoñente do grupo Os amigos de Lugo. É todo un referente na mellora técnica e estilística dos
instrumentos populares galegos, desempeñando un labor que supuxo un paso de xigante na música galega.

Comezou o seu traballo como artesán en 1974 en Lugo e logo en Ortigueira, en 1979, chamado pola Escola de Gaitas. En 1983 trasladouse a Vigo para dirixir o Obradoiro Escola de Instrumentos Populares de Vigo na súa Universidade Popular ata o 2000, ano en que se retirou. Neste obradoiro acadáronse importantes avances na organoloxía das gaitas: novas tonalidades e melloras no timbre e na afinación dos punteiros.
Nesta última entidade, formáronse destacados artesáns e gaiteiros como Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño ou Anxo Pintos. Co seu alumnado formou no 1984 o grupo Xarabal, unha das primeiras bandas de gaitas galegas e, tras recibir múltiples galardóns, xa retirado abriu un obradoiro en Tui, no que continúa traballando xunto ao seu neto Ramón Corral.

O Xurado

Do xurado formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral da Promoción da Igualdade, María Quintiana; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; a vicepresidenta 2ª do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, e María López Sández, en representación do presidente da Real Academia Galega. Tamén profesionais de recoñecido prestixio, como Esther Estévez, xornalista; Alberto Sueiro, director do Festival Internacional Outono de Teatro; Verónica Santos, directora de Acción Cultural na Fundación Cidade da Cultura, e Andrea González, pianista e directora do festival IKFEM. Ademais, exerceu como secretaria Mª Carmen Calviño, subdirectora xeral de Arquivos e Centros Museísticos da Xunta.

Máis novas

O #Aquítaménsefala segue revertendo o rumbo lingüístico da cidade

Por que o #Aquítaménsefala trascende o IES Rafael Dieste

“O Dépor é da Coruña”, o novo reto normalizador do #Aquítaménsefala

 

ÚLTIMAS

A conxelación de taxas e os VTC protagonizan o pleno de novembro na Coruña

Novo tenso pleno o que se está a desenvolver este xoves 6 de novembro...

A Xunta acada unha paz temporal con Medicina: seguirá habendo só unha facultade en Santiago

A Xunta de Galicia e os reitores das tres universidades galegas alcanzaron un preacordo...

Presentadas 15 propostas para a redacción do Máster Plan de Coruña Marítima

A licitación pública para a redacción do Máster Plan de Coruña Marítima concluíu a...

A delgada liña entre o dereito a folga dos técnicos sanitarios e o dereito dos pacientes

Seguen en folga os Técnicos Superiores da Sanidade Pública, que levan dende comezo de...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here