Arrinca hoxe (oficialmente o luns 19) a nova folga indefinida da parque de baixura en todo o estado. Unha folga afecta directamente a toda Galicia, na que centos de mariñeiros protestan pola imposición do novo Regulamento de Control Europeo, o coñecido xa como DEA (Diario Electrónico de Pesca).
Unha sombra que xa leva percorrendo os nosos mares varios anos, e que de feito xa provocou paros en 2021. Pero parece que ninguén escoitou ao sector, e como explicamos a través do vídeo realizado por un patrón de pesca artesanal da comarca ninguén se parou a comprobar se as medidas eran oportunas ou mesmo viables.
Despois de varias reunións, a última telemática este mesmo martes con 122 confrarías conectadas, acabou coa decisión de realizar unha folga común en todo o estado a partir deste luns 19 de xaneiro. Unha folga indefinida ata que vaia habendo avances nas negociacións por intentar paralizar a obrigatoriedade de realizar algunhas das medidas, como ter que pesar a bordo as capturas, ou avisar con 4 horas de antelación da hora de chegada a porto.
Manifestacion marítima no Parrote
Moitos mariñeiros da comarca irán este luns a Madrid a manifestación convocada diante do Ministerio, á mesma hora que Basilio Otero, o presidente da Federación Nacional de Cofradías, terá unha reunión cos responsables do goberno central.
Pero outros decidiron realizar unha concentración por terra e por mar no Parrote, na Coruña (ás 11:00h). Mentres xentes Malpica, Corme, Laxe, Camariñas, Ferrol, Baralloble, Mugardos, Lorbé…. participarán na manifestación a pé, 15-20 barcos para dar uns bocinazos dende o mar do Parrote, a pesar de que dan ondas de 7 metros para a mañá do luns.
As demadas
Os mariñeiros inciden no mesmo que hai anos: máis burocracia, máis custes, máis vixilancia coma se fosen delincuentes. Denuncian que son medidas que poñen en perigo a viabilidade da pesca artesanal, que se toman dende despachos que están demasiado lonxe do mar.
”Non pedimos quitar o Diario Electrónico de Pesca, o DEA; estamos loitando por cousas coherentes, sinalan dende o sector. A bordo, podes calcular que 3-4 caixas poden ser apoximadamente 50 kg. Podes calculalo. Pero un sargo que sexa de 1, e ti anotas 1,5 kg xa implicaría unha multa”, explican un patrón da comarca.
Outro erro é o de enviar “a previa”, que co novo regulamento obriga a enviar a hora de chegada con 4 horas de antelación, algo moi dicífil de prever cando estás en plena faena e non sabes se vas poder facer unha boa “virada” ou non. Esta medida pode obrigar aos mariñeiros a ter que esperar en terra durante un par de horas para poder amarrar, porque xusto ao enviar a previsión atoparon un bo banco de peixes e completaron o cupo.
Tendo en conta ademais, que o horario do DEA está en UTC, é dicir unha hora menos en inverno e dúas verán, un simple feito que pode dar lugar a confusións.

