Foi en 2020 cando a Consellería de Educación adquiría o compromiso de reformar a aula-teatro do CIFP Imaxe e Son de Someso. Hai dous anos arrincaba a obra de rehabilitación pero paralizouse por problemas entre a Consellería e a empresa adxudicataria, deixando un furado no edificio, e impedindo que o alumnado poida usar a aula dende entón.
Así, neste curso 2025/26, esta será a primeira xeración de alumnado que remate os seus estudos en produción, realización, son e iluminación escénica sen contar cun espazo escénico dispoñible durante toda a súa formación.
Así o denunciaron o pasado venres na estrea de “Culpables de ser”, un musical inspirado no universo literario de Circe de Begoña Caamaño, figura homenaxeada nas Letras Galegas 2026, no que se levou a cabo a campaña “teatro na EIS xa”.
O espectáculo é un proxecto final de ciclo que revisita a mitoloxía clásica dende o punto de vista das mulleres que foron silenciadas pola historia, e tivo que estrearse no Fórum Metropolitano debido á falta dun teatro propio dende hai xa dous anos.
Denuncian que o proceso de ensaios e preparación de todalas prácticas dos módulos de espectáculos vense limitadas pola falta de espazos e materiales técnicos de traballo. A comunidade educativa da Escola de Imaxe e Son trata de suplir con talento e imaxinación a carencia dunhas instalaciones imprescindibles para unha formación profesional de calidade, pero estas xeracións de alumnado perderanse contidos e experiencias fundamentais para a súa preparación.
“Poderían os alumnos da formación profesional de hostalería formarse axeitadamente sen unha cociña? Podedes imaxinar a facer un moble sen unha carpintería?” cuestionan dende o centro no que se levan 34 anos formando os profesionais do audiovisual de Galicia.

O eterno proceso
A obra do teatro foi un compromiso da Consellería de Educación dende o ano 2020. Nun proceso administrativo longo, unha enxeñaría realizou un estudo técnico e un orzamento da intervención, tras o cal a Consellería licitou a obra. Unha vez adxudicada a unha empresa, non se puido iniciar a execución porque non se contaba aínda coa licenza de obra do Concello nin coa de AENA, que tardaron varios meses en concederse. Cando finalmente se obtiveron, a empresa adxudicataria renunciou, pois xa tiña comprometidas outras obras.
A Consellería tivo que convocar unha nova licitación, o que supuxo outro atraso. En 2023, as obras comezaron finalmente, retirando o patio de butacas e o revestimento do teatro. Nese momento, detectouse que o informe da enxeñaría inicial non contemplaba certas dificultades técnicas, como a necesidade de retirar manualmente o encofrado, entre outras cuestións. A empresa comunicou entón á Consellería que o orzamento debía incrementarse de forma considerable. A unidade técnica da Consellería desprazouse ao centro para verificar a situación e informou de que estaban a negociar unha contraoferta coa empresa para poder continuar coa execución. Dende entón, o único que hai no CIFP Imaxe e Son respecto do teatro e incentidume, xa que a Consellería dí non saber aínda se a empresa aceptará as novas condicións, e, en caso contrario, habería que proceder a unha nova licitación, o que implicaría un novo atraso. O feito é que dende maio de 2024 a comunidade educativa conta cun buraco no canto dun teatro, e ausencia de solucións dende a Consellería.

