InicioA CORUÑAAs traballadoras das grandes cadeas do textil e calzado póñense en folga

As traballadoras das grandes cadeas do textil e calzado póñense en folga

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Asinar un novo convenio a nivel estatal e recurtar dereitos adquiridos polas traballadoras na provincia da Coruña, é a intención das patronais, con Inditex á cabeza, do comercio textil e do calzado. A entrada en vigor do convenio estatal de ARTE provocaría que as traballadoras do sector da nosa provincia perdesen ata 2.000€ ao ano en soldos, no marco dunha completa perda de dereitos laborais.

Ante esta situación o persoal das grandes cadeas de téxtil e calzado das catro provincias galegas está chamado a secundar unha xornada de folga o vindeiro venres 17 -no caso da Coruña a convocatoria esténdese tamén ao sábado 18-.

Con motivo da folga, na cidade da Coruña o venres está convocada unha manifestación ás 12 horas dende o CC Catro Camiños até a sede da patronal (Praza de Luís Seoane) e o sábado día 18 haberá mobilización ás 12 horas dende a Praza de Lugo.

Lucía Domínguez, delegada da CIG e traballadora do sector, denunciou que a sinatura do convenio promovido pola patronal ARTE (na que están presentes as grandes multinacionais do comercio téxtil e do calzado) significaría a imposición de salarios entre 2.000 e 3.000 euros anuais, dependendo da categoría, por debaixo do que estabalece o convenio provincial da Coruña. Unha recorte que chegaría os 5.000 euros para o persoal de nova incorporación nas tendas do Grupo Inditex.

Ademais, estabelécese unha xornada efectiva de traballo anual superior e pérdense outros dereitos como antigüidade, licenzas, días de asuntos propios, o complemento até o 100% nas baixas ou melloras na conciliación, ao tempo que se incrementa a flexibilidade e a falta de previsión nos horarios e calendarios.

Domínguez enmarcou a negociación deste novo convenio estatal nunha estratexia patronal para centralizar as relacións laborais e sindicais e ir deteriorando as condicións e dereitos acadados polas traballadoras nas provincias máis combativas ao longo das últimas décadas.

Para impedir a entrada do convenio ARTE, a CIG xa se dirixiu á patronal galega (na que ten a maioría Inditex) para negociar e asinar un acordo interprofesional galego de comercio que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais sobre os estatais, tal e como se fixo en Euskadi. “Porén, a patronal galega négase rotundamente a esta posibilidade”, lamentou.

Inditex paga ao persoal de ETT por debaixo de convenio

Doutra banda, informou que a Inspección de Traballo da Coruña -a instancias dunha denuncia da CIG- vén de constatar que Inditex leva anos pagándolle ao persoal contratado por ETT por debaixo do que marca o convenio provincial do comercio vario. Tras do informe realizado, a Inspección iniciou procedemento sancionador contra Inditex, vai reclamar as cotizacións e os salarios deixados de abonar pola compañía dende o ano 2022 e ampliará a súa actuación a todo o Estado.

Entre outros conceptos, a empresa non lle pagou ao persoal de ETT nin os 200 euros/mes incluídos no convenio provincial  tras as mobilizacións de 2023, nin as comisións, nin outros complementos estabelecidos por convenio e acordos coa propia empresa. “Son centos de traballadoras e traballadores afectados a quen Inditex deixou de pagar miles de euros”, indicou Domínguez.

A CIG-Servizos cuantifica unha diferenza -en cómputo anual- de entre 6.000 e 7.000 euros con respecto ao que o persoal contratado por ETT debería ter cobrado e os cartos que realmente percibiu, “xa que Inditex está abonando 4,5 euros/hora menos do marcado no convenio colectivo”.

Criticou que a compañía dificultou enormemente a denuncia e a investigación porque de maneira sistemática denegou aos comités das distintas marcas os datos de contratación a través de empresas temporais “co obxectivo de ocultar este grave incumprimento”. De feito, a CIG- Servizos advertiulle a Inditex en reiteradas ocasión que non estaba cumprindo coa lexislación laboral e que acudiría á Inspección de Traballo, mais a empresa rexeitou corrixir estas eivas.

Máis novas

Jevaso, o “xigante textil” que crece por fóra pero se baleira por dentro

Traballadoras das tendas de Inditex deron a “benvida” a Marta Ortega á tenda de Juan Florez

“Traballo para Inditex e non chego a fin de mes”

Dereito de rodada

ÚLTIMAS

Só ás couzas quedan na Casa Cornide

Non queda nada na Casa Cornide. O edificio, aínda propiedade dos Franco, pero en...

Ferroglobe presenta un ERTE para todo o seu persoal de 113 traballadores en Arteixo ata final de 2027

Ferroglobe, única produtora de silicio en España, presentou un Expediente de Regulación Temporal de...

Grande Amore, Ortiga, Océano Esquizo, Loita Armada ou Zavala, protagonistas do cada vez máis potente Lembranza Rock

Lonxe das iniciativas privadas dos Morriñas ou Recordas, atopamos o Lembranza Fest. Un Festival...

Entregan unha vivenda á nai ucraína con catro fillos á que aprazaron un desafiuzamento na Coruña

A nai ucraína con catro fillos, á que a semana pasada aprazaron un desafiuzamento...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here