InicioCULTURAXaime Cabanas, o home "de Monte Alto, de Santo Amaro, do Orzán,...

Xaime Cabanas, o home “de Monte Alto, de Santo Amaro, do Orzán, da noite coruñesa, do Patacón, do Taller, do Bravú, do Dépor”

Publicada o

Por editor
O Concello da Coruña renderalle homenaxe á figura de Xaime Cabanas , unha das grandes iconas da cidade, cunha gran exposición distribuída no Quiosco Alfonso e Palexco, e diversas actividades paralelas, coincidindo co décimo aniversario do seu falecemento.
A exposición  desenvólvese coincidindo co décimo aniversario do repentino falecemento de Cabanas,e cando debería ter cumprido 70 anos de idade e 22 anos despois da súa última mostra na súa cidade. Precisamente, durante a presentación destes actos, Inés Rey subliñou que o pintor coruñés sempre entendeu a cultura como un valor de cohesión social, fundamentalmente a través da súa ligazón coa Coruña e coa súa predilección polo cotián, que reinterpretaba cunha visión moi persoal, cargada en moitas ocasións de reflexións sobre a vida e a arte.
“Autodidacta, irreverente, mordaz, bohemio, universal, libre. Todo iso era Xaime Cabanas, pero eu só diría que era de Monte Alto”, resumiu a alcaldesa para referirse ao artista, un dos principais protagonistas da renovación das artes plásticas en Galicia, para engadir que “falar de Cabanas é falar dos principais grupos artísticos e intelectuais galegos, como Sisga, A Carón, Galga, Atlántica, GrupOrzán, pero tamén é falar de Monte Alto, de Santo Amaro, do Orzán, da noite coruñesa, do Patacón, do Taller, do Bravú, do Dépor; porque falar de Cabanas é falar da Coruña”.
Comisariada por Carlos Pita e Perico Vasco, “MMXXIII Cabanas” é unha das grandes exposicións deste ano na Coruña. O corpus de obra está formado por cesións de obra pictórica de gran formato procedente das máis importantes coleccións privadas e públicas e principalmente do legado familiar. Son aproximadamente noventa obras de gran formato, aínda que a mostra lle dedica especial importancia tamén aos numerosos bosquexos e pequena obra en papel que figura en arquivos particulares e na súa propia familia, xa que se poden contemplar un total de 124 destas pequenas pezas.
MOSTRA
Integrada na mostra hai unha exposición fotográfica sobre Cabanas onde se pode ver o seu estudo e como o retrataron os fotógrafos Juan Rodríguez, Xoan Piñón, Xurxo Lobato e Vari Caramés.  Tamén hai previstas varias actividades complementarias. Así, hai programadas seis visitas guiadas á exposición, ás 19.00 horas dos sábados 11, 18 e 25 de febreiro, e 4, 11 e 18 de marzo, partindo do Quiosco Alfonso e con 25 prazas ata completar capacidade, sen inscrición previa. Ademais, haberá outras dez visitas para grupos concertados, en diferentes horarios de martes a venres, e con reservas a través do correo ludidactica@gmail.com.
Xaime Cabanas coa camisola do Depor / Canal Deportivo
Os domingos 12, 19 e 26 de febreiro, ás 12.00 horas en Palexco, desenvolveranse obradoiros en familia, con previa reserva en ludidactica@gmail.com e con prazas limitadas, para abordar temáticas como as “Orzanas”, o uso da técnica fotográfica sen cámara de cianotipo sobre callaos ou a fabricación dunha propia masa cerámica con materais caseiros.
Por último, de martes a venres, ás 12.00, 13.00 ou 18.00 horas, desenvolverase un programa educativo para grupos de escolares de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e de Diversidade Funcional, denominado Criptotrazos, concebido como resposta a un proceso creativo de carácter evolutivo baseado en achados plásticos, formais e conceptuais derivados da obra de Xaime Cabanas, capaz de adaptarse con material específico aos diferentes grupos e idades, onde o compoñente lúdico é sempre protagonista. Para participar hai que reservar tamén no correo ludidactica@gmail.com.
CORUÑÉS DE CABEZA, DE CORAZÓN E DE ARTE
De formación autodidacta, como a maior parte de artistas da súa xeración, xa desde os anos setenta o seu nome agroma na revolta cultural que se adiviña na cidade da Coruña. A Sisga, A Carón e A Galga, nomes case míticos de entusiasmo de vangarda e unha forma especial de vivir de maneira alternativa, asoman na primeira etapa da súa biografía artística, grupos nos que participa con outros creadores para construír o grupo da Coruña que, con Mon Vasco á cabeza, acabarían desenvocando en Atlántica, onde se xuntarían co grupo de Vigo, con Guillermo Monroy como un dos seus líderes.
Como moitos dos seus compañeiros de xeración e de propostas creativas, a obra de Cabanas dirixirase polos vieiros do expresionismo americano de camiño a un conceptualismo abstracto que non refuga, sen embargo, de botar man da figuración cando a obra o require. O bravú recoñeceuno como o seu artista de cabeceira e poucos conceptos poden explicar mellor a súa maneira de estar no mundo. Bravú cunha forza creadora sen barreiras.

ÚLTIMAS

O Concello sacará a concurso o contrato para o novo Plan de Equipamentos Deportivos

No marco da folga de conserxes, pero sen facer referencia algunha, o Concello da...

Ollo, cortes en Alfonso Molina na saída cara á AP-9/Palavea este martes

As obras de remodelación da avenida Alfonso Molina, na cidade da Coruña, que realiza o Ministerio...

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...

Renfe prestará servizo con 500 servizos de bus para facilitar a mobilidade polas obras na estación da Coruña

Renfe modificará o servizo e habilitará un plan alternativo de transporte por estrada con...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here