Un centenar de profesionais velarán pola seguridade e a limpeza durante a tempada de praias na Coruña, que comeza oficialmente o vindeiro 15 de xuño. Así o informou a alcaldesa, Inés Rey, na presentación da campaña de baño na cidade. Os servizos municipais, segundo explicou a rexedora, levan semanas traballando para pór a punto todos os areais. Xa nas primeiras semanas de maio procedeuse á retirada da tradicional duna de Riazor, marcando o inicio dos preparativos para o verán, que se estenderá ata o 15 de setembro.
“Comeza a época de sol, de baño e de gozar e a tarefa do Concello é dispor os recursos e o persoal necesario para que tanto a cidadanía como os visitantes poidan gozar da cidade con total seguridade e limpeza”, expuxo a rexedora herculina. O dispositivo de salvamento estará integrado por un total de 42 profesionais especializados, entre os que se inclúen socorristas acuáticos, patróns de embarcación, persoal técnico sanitario e de coordinación operativa. A distribución destes efectivos realizarase atendendo a criterios de afluencia, características da contorna e necesidades específicas de cobertura de cada praia, cun horario de atención establecido de 11:00 a 21:00 horas.
TERRAZAS
Noutra orde de cousas, o consistorio informou da posta en marcha dunha actividade de vixilancia específica para asegurar que as terrazas dos establecementos de hostalaría cumpren de forma estrita coas normativas de ocupación da vía pública.
Para facer as comprobacións pertinentes, un operativo da Policía Local percorreu varias zonas da cidade cun vehículo de emerxencias, medindo os espazos dispoñibles para garantir o seu paso libre e a correcta accesibilidade dos peóns e dos servizos de seguridade en caso de necesidade.

