A segunda edición do festival Fumega Fest pechou as súas portas marcada por unha gran presenza internacional de bandas e público, e cunha segunda xornada eclipsada polo concerto dun dos grandes atractivos internacionais deste ano, os ucraínos Stoned Jesus. O evento de Stoner Rock e Doom Metal consolídase xa como unha das grandes referencias destes xéneros na península.
O Parque do Pasatempo volveu recuperar o ambiente das súas grandes noites, e o festival bota a cancela xerando un importante impacto económico na contorna, dinamizando a hostalaría e o comercio local durante toda a fin de semana e reforzando o posicionamento de Betanzos como destino cultural e musical.
A segunda xornada do evento destacou polo bo ambiente, cun público que acompañou dende a primeira hora da tarde ás paisaxes sonoras que mesturaron psicodelia, contundencia e moita distorsión. Os islandeses Volcanova foron os encargados de abrir o día, despregando un directo arrollador cheo de riffs abafantes. Exercendo como locais, a banda coruñesa Moura foi quen de atrapar ao público entre as súas paisaxes psicodélicas, embarcando aos asistentes nun trance que desembarcou no directo da banda danesa Causa Sui, referencia da psicodelia europea que ofreceu un directo hipnótico e envolvente. Dende Cantabria e con actitude saíron a escena Wet Cactus, que con nervio e unha distorsión ben afiada encamiñaron aos asistentes a un final climático ofrecido por Stoned Jesus. A banda ucraína pechou por todo o alto o Parque do Pasatempo, deleitando aos seus con riffs eternos e hipnóticos.
A xornada do venres estivo marcada polos riffs contundentes e as atmosferas densas que ateigaron o Parque do Pasatempo de Betanzos. As portas do festival abríronse cun directo electrizante cheo de distorsión a cargo de Travo. O talento local fíxose un foco no escenario coa presenza dos vigueses Lucifernaga, que despregaron as súas contundentes guitarras nun exercicio de brutalidade sonora. Un dos pratos fortes da noite chegou con Conan. Os británicos incendiaron o Parque do Pasatempo cos seus riffs densos e desafiaron ao público coas súas características afinacións baixas, demostrando por que eran un dos grandes atractivos do cartel. Coa noite pechada, foi a quenda dos portugueses Men Eater, que tensionaron o ambiente con melodías densas que se expandiron por todo o auditorio. Esta primeira xornada pechou con outro dos grandes nomes do festival, os suecos Burst, que deleitaron aos asistentes cun concerto enérxico, intenso e atrapante, á altura da exclusividade dunha banda que levaba décadas sen pisar a Península Ibérica.

O incremento substancial de asistentes, cunha marcada presenza de público estranxeiro, así como a presenza de grandes bandas do Stoner Rock e Doom Metal de países como Islandia, Gran Bretaña, Suecia, Dinamarca, Portugal ou Ucraína, fan que o festival se asente xa entre os eventos de referencia do xénero na Península Ibérica. Este feito non está a pasar desapercibido na escena, e Fumega Fest comeza a espertar o interese de grandes xiras internacionais.
Segundo palabras de Jordi Lauren, director do festival, as sensacións ao rematar o festival son de que o público constata a intuición de PlayPlan co Parque do Pasatempo, recoñecéndoo como un espazo perfecto para albergar este festival pola súa comodidade, espectacularidade e transmitindo esa mestura de patrimonio e música que derivan nun ambiente difícil de igualar. O recinto consolídase con esta segunda edición como un espazo único que combina patrimonio histórico e vangarda musical, contribuíndo á posta en valor dun dos enclaves máis singulares de Galicia.
O máximo responsable do evento destacou tamén a gran acollida deste ano, aumentando nun 30% os asistentes e conquistando ao público internacional, especialmente ao portugués. Segundo as verbas de Lauren, a aposta de PlayPlan foi a de situar a Galicia como unha referencia dentro destes xéneros, e esta segunda edición de Fumega Fest é a pedra angular sobre a que se está a sustentar ese obxectivo. O director agradece enormemente o apoio e implicación tanto das marcas Fritz-kola, Bico de Xeado e Liporca, así como do Concello de Betanzos, fundamentais para construír esta segunda edición.
A organización séntase agora para traballar nunha terceira edición aínda máis ambiciosa, na que pretenden estar á altura e corresponder o status que xa teñen acadado como unha das grandes referencias dos eventos de Stoner Rock e Doom Metal en toda a Península Ibérica, onde o seu público volverá a ver a algunhas das mellores bandas locais, estatais e internacionais destes xéneros.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, responsables de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Hugo Guezeta, Vimbio ou Sabela. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos, o patrocinio de Fritz-Kola e Bico de Xeado e a colaboración de Liporca.

