A Asociación Cultural Son d’aquí celebra, co apoio municipal esta fin de semana, unha nova edición do festival Serán d’aquí. Do venres 10 ao domingo 12 de xullo o Campo da
Leña acollerá unha das citas de referencia da cultura tradicional galega na cidade, cun programa que combina música, baile, participación veciñal e convivencia durante tres xornadas.

O programa arrancará o venres 10 de xullo cunha xornada de concertos protagonizada por Son d’aquí, Mediarea e Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, a partir das 20.00 horas. Xa o sábado 11, as escolas e escoliñas da asociación serán as protagonistas dunha mañá dedicada á música e ao baile tradicional. A programación continuará cunha sesión vermú, un obradoiro de baile e unha gran xuntanza musical na que participarán diferentes asociacións convidadas. A xornada rematará cunha foliada libre, un dos momentos máis representativos do Serán, aberto á participación espontánea de todas as persoas asistentes.
O domingo 12 de xullo o Campo da Leña acollerá unha foliada popular a partir do mediodía e unha tarde de xogos tradicionais para nenos e nenas, poñendo o broche final a unha fin de semana dedicada á cultura popular galega.
A Asociación Cultural Son d’aquí naceu hai once anos en Monte Alto coa vontade de crear comunidade arredor da cultura tradicional galega. Desde entón, preto de 1.500 persoas formaron parte dunha entidade que desenvolve unha intensa actividade cultural e formativa, baseada no traballo voluntario das súas socias e socios.
Nesta edición volverá colaborar ASARGA (Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial), que contará durante toda a fin de semana cun posto informativo e de sensibilización sobre o carcoma, reforzando así a dimensión social do evento.

