Aseos públicos en San Agustín, a creación de novos hortos urbanos, a renovación de prazas ou humanización de rúas concretas, melloras de accesibilidade, a creación dun novo parque canino, instalacións de pasos de peóns… son algunhas das propostas aportadas pola veciñanza que xa se poden votar para os Orzamentos Participativos 2026-2027 a través de nacorunacontas.coruna.gal.
O Concello vén de abrir a fase de votación e todas as persoas empadroadas na cidade que teñan 16 anos cumpridos poderán votar ata o 31 de agosto entre as 100 propostas que superaron o filtrado de admisibilidade e a posterior valoración técnica e económica.
Trátase da cifra máis alta acadada nas últimas edicións dos Orzamentos Participativos. Na edición de 2019 chegaron á votación 81 propostas; en 2021 foron 55 e, en 2022, un total de 61.
As 100 propostas representan un investimento conxunto estimado de 12,6 millóns de euros, case cinco veces superior aos 2,6 millóns dispoñibles. Desta dotación, 2.080.000 euros —o 80 %— repartiranse entre os dez distritos da cidade, mentres que os 520.000 euros restantes —o 20 %— estarán destinados a propostas de ámbito de cidade.
Das máis de 400 iniciativas presentadas pola cidadanía durante os meses de maio e xuño, chegaron á votación 80 propostas de distrito e 20 de cidade. Todos os distritos contan con actuacións propias. Os que concentran un maior número son o distrito 7, correspondente a Os Castros e Elviña, con 25; o distrito 9, que abrangue Mesoiro e Castro de Elviña, con 13; e o distrito 5, integrado por Riazor, Labañou e Os Rosales, con 11.
Os resultados publicaranse unha vez pechada a votación. As actuacións seleccionadas incorporaranse ao orzamento municipal mediante unha modificación orzamentaria que se elevará ao Pleno ordinario de outubro. A súa execución desenvolverase entre novembro de 2026 e decembro de 2028 e poderá seguirse publicamente na plataforma.
PROGRAMACIÓN DE PUNTOS DE VOTACIÓN PRESENCIAL
Para facilitar a participación das persoas que prefiran votar de maneira presencial, o Concello habilitará dez postos itinerantes en diferentes barrios entre o 21 de xullo e o 31 de agosto. En cada un deles haberá persoal de apoio para informar sobre as propostas, comprobar o empadroamento e a idade e acompañar a cidadanía durante o proceso de votación.
- Martes, 21 de xullo | Praza de María Pita | 16.30–19.30 h
- Xoves, 23 de xullo | Praza Elíptica, Os Rosales | 16.30–19.30 h
- Martes, 28 de xullo | Fórum Metropolitano, xunto ao Rexistro | 11.00–14.00 h
- Xoves, 30 de xullo | Mercado de Elviña | 11.00–14.00 h
- Venres, 31 de xullo | Mercado de Monte Alto | 11.00–14.00 h
- Mércores, 5 de agosto | Praza de Lugo, zona peonil | 11.00–14.00 h
- Martes, 11 de agosto | Os Mallos, rúa Ángel Senra | 16.30–19.30 h
- Mércores, 19 de agosto | Centro Cívico do Birloque | 16.00–19.00 h
- Mércores, 26 de agosto | Coraza do Orzán | 16.30–19.30 h
- Luns, 31 de agosto | Centro Ágora, xunto ao Rexistro | 11.00–14.00 h
Máis novas
O Concello da Coruña convoca, tres anos despois, unha nova edición dos Orzamentos Participativos

